A reacción do ‘deep state’.

As demostracións convocadas polo PP o domingo último insírense no lexítimo exercicio das liberdades constitucionais, mentres que os actos de violencia exercida ao remate dalgunha das mesmas –e toda a semana pasada en Madrid– constitúen feitos suxeitos ao Dereito Penal que han ser sancionados coa proporcionalidade que sempre demanda a aplicación da Lei.

Outro xuizo ha merecer a ofensiva do chamado deep state contra os lexítimos pactos acadados polo PSOE coas distintas forzas soberanistas que na vindeira cuarta, 16 de novembro, apoiarán co voto dos seus representantes no Congreso a investidura de Sánchez. No pacto con JuntsxCat non se anuncia ningún procedemento de impugnación de sentenzas ou resolucións anteriores nin moito menos a revisión das mesmas polo Congreso. Só se sinala que a amnistía abranguerá tamén condutas vencelladas co chamado procès de xeito indirecto nas que existira evidente desproporcionalidade na reacción xudicial.

Velaí a imputación por terrorismo do president Puigdemont e da secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ou a acusación por malversación do exdirector de gabinete de Puigdemont, J.L. Alay por viaxar na representación da Generalitat ao referendo de autodeterminación da Nova Caledonia. Non se cuestiona a independencia do Poder Xudicial que, en troques, si sofre por ter caducado o mandato dos membros do seu goberno hai xa cinco anos.

Polo mesmo, que os inspectores de Facenda, Traballo e Seguridade Social asuman unha actitude insubmisa contra decisións legais do Poder constituído como a transferencia a Catalunya ou, eventualmente, Galicia das competencias de recadación fiscal e/ou dos servizos da inspección de traballo ou a Euskadi da xestión da Seguridade Social (sen afectar a caixa única) fican fóra do ámbito de actuación das súas asociacións profesionais para se inserir de cheo na política partidista.

Por outra banda, calquera apelación a unha actuación política concreta que bloquee o exercicio democrático da investidura dirixida ao xefe do Estado ou ás forzas armadas ha de se considerar como unha apelación á subversión da orde constitucional impedindo o normal funcionamento do Congreso para decidir a súa función esencial de expresar ou non a confianza para investir o presidente do Goberno do Estado.

“Calquera apelación a unha actuación política concreta que bloquee o exercicio democrático da investidura (…) ha de se considerar como unha apelación á subversión da orde constitucional”

Canto a Galicia, a moi discreta presenza cidadá nas demostracións deste domingo (sobre todo en comparanza coas de Madrid e outras cidades) amosa que este país non gosta dos rebumbios nin da polarización extremista.

Ningún dos acordos asinados vai prexudicar o autogoberno e o benestar da cidadanía galega. A redución da débeda da Xunta e das peaxes das AP-9 e AP-53, a equiparación nacional co autogoberno de Catalunya ou Euskadi, as melloras ferroviarias ou a creación do tren de proximidade nas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra son avances substanciais obtidos polo BNG que nunca antes acadara o PPdeG.

E Rueda sábeo.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.