6.000€ para o Plan de Accesibilidade no Porriño

O Concello e COGAMI abordaron os termos de colaboración

O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, mantiveron unha reunión co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o presidente provincial da confederación, Ángel Holguera, e o secretario provincial Celso Álvarez para definir os termos da colaboración entre ambas entidades.

Cabe destacar que por primeira vez, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade conta cunha partida consignada no orzamento municipal para unha subvención nominativa, cun importe de 6.000 euros.

“A realidade que viven as persoas con discapacidade moitas veces pasa desapercibida para a sociedade, e por iso é necesario que sexan eles mesmos os que nos marquen os pasos a seguir tanto en acción concretas como en liñas políticas para construir un mundo e unha sociedade máis inclusiva”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Durante o encontro, no que se abordaron distintas cuestións e temas relacionados coa colaboración entre as dúas entidades, tamén se debateu sobre a accesibilidade das rúas e espazos públicos da vila e afondouse no proxecto conxunto de elaboración dun Plan de Accesibilidade, como cuestión prioritaria, que permita detectar as barreiras arquitectónicas e acometer de maneira planificada a súa eliminación, así como garantizar o cumprimento da normativa en obra pública que permita facer do Porriño un lugar totalmente accesible e inclusivo.

Ademais acordouse que COGAMI poida ter acceso aos novos proxectos que se propoñan para contribuír á mellora da accesibilidade.

Outra das cuestións que centraron a reunión foi a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade. Neste sentido ambas entidades puxeron en marcha o último ano o obradoiro de Inserción Sociolaboral para Persoas con Discapacidade do Concello do Porriño, que tivo como principal obxectivo mellorar o nivel de autonomía e de integración das persoas con gran discapacidade na sociedade; e como obxectivos específicos: mellorar a súa empregabilidade a través da realización de sesións individualizadas con contidos da área prelaboral, potenciar as súas ferramentas de comunicación para favorecer a súa integración plena a nivel persoal, social e laboral e traballar as competencias dixitais para capacitalas no mundo dixital. Detectadas as necesidades neste eido, tanto dende o Concello como dende Cogami acordaron impulsar novas iniciativas para a inserción sociolaboral.