Ponte…nas Ondas! presenta en Valença o seu modelo de Boas Prácticas

No marco do Master de Formación do Profesorado

Valença | A Asociación “Ponte…nas Ondas” visitou a eurocidade Tui-Valença para coñecer de cerca as boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) e a creación do Centro do Patrimonio no edificio da alfándega de Valença do Minho.

O Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo conduciu a sesión dentro das aulas do Master e realizou a visita ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença e a Alfándega.

Xosé Manuel Cid destacou que a recente inscrición do “modelo” Ponte…nas ondas!” como boas prácticas co PCI supón o primiero recoñecemento para Galicia e para Portugal neste rexistro da UNESCO. É un aval a unha iniciativa transfronteiriza que renovou e innovou o ámbito educativo e cultural galego-portugués mediante a integración do patrimonio inmaterial na práctica educativa como unha experiencia de comunicación a través da radio e das tecnoloxías da comunicación.

No decurso do acto o presidente da Câmara Municipal, José Manuel Carpinteira agradeceu á Universidade de Vigo o interese en coñecer de cerca o proxecto de Ponte…nas ondas! e a creación no novo Centro do Patrimonio. Un centro que será referente para o PCI galego-portugués e que vai servir para dar a coñecer o patrimonio común que galegos e portugueses compartimos e ao mesmo tempo ser un punto de encontro para iniciativas culturais conxuntas.

Destacou que Ponte…nas ondas! vai ter un espazo expositivo para dar a coñecer o seu traballo e tamén será un espazo para os centros educativos dos dous lados da fronteira para que poidan desenvolver actividades conxuntas. José Font director da Radio Municipal de Tui, colaboradora habitual de Ponte…nas ondas!, manifestou que a creación dun laboratorio de radio para as escolas e dun espazo propio para as súas actividades dará pé a que novas iniciativas relacionadas co PCI sexan desenvolvidas coa colaboración da súa emisora.

Font expresou que a “ponte” polas ondas terá unha nova canle para os programas que se realicen desde o Centro do Patrimonio. Pancho Álvarez, músico e veciño de Tui, agradeceu a Ponte…nas ondas! por ter tido a iniciativa de crear un centro de referencia para o patrimonio inmaterial pois é algo que nos identifica a galegos e portugueses no mundo.

Que exista un centro que se preocupe e dinamice actividades arredor deste patrimonio é algo que vai contar coa axuda e colaboración de moitas persoas e asociacións dunha e doutra beira da fronteira. Pancho interpretou algúns temas do repertorio tradicional de transmisióno oral como as de Florencio, o cego dos Vilares, de quen está elaborando unha peza documental. A continuación, a comitiva de 130 profesores trasladáronse ao auditorio do Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho para asistir á presentación do “modelo Ponte…nas ondas!” e das boas prácticas. A profesora Isabel destacou que a súa escola é unha das que ten participado nas actividades de Ponte…nas ondas! desde os inicios e agradeceu que os profesores galegos visitasen a escola.

Unha profesora do centro lembrou o proxecto das “maias” que naceu para unha xornada de radio de Ponte…nas ondas! e que despois foi dinamizada pola Câmara e a sociedade de Valença. Unha técnica da Câmara Municipal presentou o conxunto patrimonial de Valença do Minho. Santiago Veloso, coordinador, explicou o labor desenvolvido por Ponte…nas ondas! ao longo destes 28 anos.

Proxectou algúns vídeos de diversas actividades, mostrou as publicacións de Ponte…nas ondas! como Meniños Cantores, Cores do Atlántico ou Na ponte e eventos realizados, entre eles, o que fixeron o pasado sábado 28 no Museo Nacional de Antropología de Madrid. Rubén Figueroa, profesor do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas comentou a súa experiencia como alumno que participou en Ponte…nas ondas! nos seus anos de estudante e tamén falou do funcionamento da radio escolar no seu centro.

As alumnas Alejandra Fernández, Ainhoa Sousa e Lúa Martínez do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas contaron a súa experiencia na radio do instituto e os traballos que se realizan. Tamén comentaron a súa experiencia no Museo Nacional de Antropología de Madrid como locutoras e conductoras do programa no que participaron tamén alumnado de primaria do CEIP A Ramallosa de Teo.