A campaña Toponimízate chega a Tui

Este 26 de outubro no Centro Cultural de Randufe

Tui | Este xoves, 26 de outubro, o Centro Cultural de Randufe acollerá, ás 20 h, unha actividade da campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. É unha iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola RAG, Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Tui e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe. Correrá a cargo de Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG.

O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

Nesta charla falarase de microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.), que sofre un grande risco de perda no noso país, derivada dos amplos procesos de transformación do territorio. Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do risco que corre de perderse; das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral de toda esta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada.

Por último, tamén haberá un espazo dedicado a falar do significado dos nomes de parroquias e aldeas do concello de Tui neste caso. Aínda que o bloque central da charla versará sobre o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza arredor da súa casa. Desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 67.000 os microtopónimos achegados pola cidadanía e postos á disposición do público na rede. Neste momento xa hai máis de 3.300 persoas colaboradoras rexistradas na plataforma, engadindo nomes en 301 concellos galegos.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, fai fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de salvagardar, protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”, por iso agradece á Xunta de Galicia e á Real Academia Galega que acheguen ata Tui esta campaña.

O Concello tudense tamén manifesta o seu interese en promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia no seu termo municipal, tratando de “facer partícipe o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”, coa vontade de continuar realizando novas actividades nesta temática.