Xunta de Galicia aprobará en novembro a ampliación da PLISAN

Coa cualificación de un millón de m2 máis de solo industrial

Santiago de Compostela | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o vindeiro mes de novembro o Goberno galego aprobará a ampliación da superficie empresarial da Plisan, polo que se rematará así “un proceso xa iniciado hai bastantes meses para darlle a cualificación industrial a un millón de metros máis aquí para poder seguir medrando”, indicou en relación aos máis de catro millóns de m2 de solo industrial que quedarán dispoñibles.

Así o destacou Rueda, acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, no acto de inicio das obras do apartadoiro ferroviario da plataforma loxística, que fará posible que a zona conte con conexión ferroviaria no 2025. “Isto era unha necesidade, o porto de Vigo necesitaba medrar dunha maneira que resultara atractiva e convincente para todos aqueles que necesitan expandirse e polo tanto precisan este porto seco”, asegurou.

Neste sentido, puxo de manifesto que o proxecto é outro dos froitos da colaboración que existe entre a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, promotores da Plisan, e para o que a Administración autonómica destinará 2,7 millóns de euros nos orzamentos de 2024 dos 5,7 M€ que está previsto que aporte ao conxunto do apartadoiro. “É a aposta máis forte que fai a Xunta no sur de Galicia como asentamento industrial e polo tanto creo que hai que aproveitalo porque a todas as empresas, as que están, as que van estar en breve e as que poidan vir no futuro failles falta esta infraestrutura sen dúbida”, manifestou.

Así, o apeadoiro permitirá que todas as compañías asentadas na área industrial poidan utilizar o tren para o subministro de materias primas, compoñentes e a distribución posterior dos produtos, facilitando que haxa trens lanzadeira desde o porto de Vigo.
Actualmente están adxudicadas 13 parcelas a 6 empresas, sendo a conserveira Albo a primeira en instalarse na superficie empresarial e da cal “xa se se están empezando a notar os efectos na zona” indicou Rueda en relación ao movemento inversor xerado nos concellos limítrofes.