III Premios “Mulleres no Foco” da Deputación de Pontevedra

A gala será este 20 de outubro no Auditorio sede de Afundación

Pontevedra | O auditorio da sede de Afundación en Pontevedra será o escenario este venres 20 da gala da terceira edición dos premios “Mulleres no Foco”, que a Deputación de Pontevedra promove en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das profesionais galegas do audiovisual. A cita comezará ás 20:00 horas, coa asistencia do presidente provincial, Luis López, e nela daranse a coñecer os nomes das tres gañadoras deste 2023.

A gala estará presentada polas actrices Chelo do Rejo, María Ángeles Iglesias e Anabell Gago e contará coa actuación de Fillas de Cassandra, así como de María Move e Sue Moreno. O acto é aberto ao público, que debe confirmar a súa asistencia no enderezo electrónico protocolo@depo.es, e a apertura de portas do recinto terá lugar ás 19:30 horas.

As preto de vinte candidaturas que neste ano se presentaron aos “Mulleres no Foco” proveñen dos distintos ámbitos do audiovisual, entre elas a fotografía, dirección ou produción, e as tres gañadoras recibirán un premio de 5.000 euros cada unha. Estas candidaturas foron propostas por entidades locais, culturais e profesionais do sector e as bases dos galardóns establecen que se recoñecerán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, así como mulleres cun talento ou unha importante traxectoria neste ámbito.

Na gala do 2022 foron premiadas Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, mentres que na primeira edición do 2021 os galardóns recaeron en Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada.