O papel dos pontevedreses no Seminario de Estudos Galegos

Xornada de conferencias este 27 de outubro no Museo de Pontevedra

Pontevedra | O Museo de Pontevedra celebrará o próximo venres 27 de outubro un dos actos centrais da súa programación arredor do centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Dedicará unha xornada de conferencias a analizar o papel no Seminario de destacadas figuras vinculadas á cidade e á provincia, xa sexa pola súa orixe ou por vínculos familiares ou afectivos.

Investigadores revisarán o rol de figuras como Filgueira, Castelao, Sebastián González ou Iglesias Vilarelle no innovador labor interdisciplinar que desenvolveu a máis importante institución cultural do primeiro terzo do século XX en Galicia.

A xornada de conferencias desenvolverase o venres 27 no Edificio Castelao en dúas sesións: de 10:00 a 14:00 horas e de 16:15 a 20:30 h, con oito conferencias e dous coloquios. O acceso é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse antes escribindo a reservas.museo@depo.gal.

Abrirá a sesión matinal o catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares, cunha conferencia na que enmarcará a vinculación de Pontevedra co proxecto do Seminario de Estudos Galegos. Carlos Valle, exdirector do Museo de Pontevedra e presidente de honra da Confederación Española de Centros de Estudios Locales, dedicará a súa intervención a Xosé Filgueira Valverde, o máis novo dos integrantes cando se puxo en marcha o Seminario, no que tivo grande importancia pola súa capacidade de traballo e a diversidade dos seus intereses intelectuais.

Pechará a sesión matinal a directora do Museo, Ángeles Tilve, que dedicará a súa conferencia a Alfonso Rodríguez Castelao. O intelectual e político rianxeiro foi elixido membro do SEG na súa segunda sesión, en novembro de 1923, e ingresou en maio de 1924 coa lectura do texto ‘A carón da natureza’, que logo abriría o seu libro Cousas. Castelao foi o deseñador do emblema do Seminario e participou activamente nas iniciativas deste proxecto colectivo.

Sesión vespertina
A sesión de tarde estará dedicada a reivindicar cinco figuras quizais menos coñecidas, pero que realizaron un traballo transcendente dentro do complexo labor interdisciplinar que levou a cabo o Seminario de Estudos Galegos: Antón Losada Diéguez, Ramón María Aller Ulloa, Antonio Iglesias Vilarelle, Sebastián González García-Paz e Felipe Ramón Cordero Carrete.

Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, describirá a contribución de Losada Diéguez a fitos do nacionalismo de principios do século pasado, como as Irmandades da Fala, a revista Nós e o xornal Galicia. No Seminario ingresou en 1924 e, ademais de participar en actividades en Moaña, Vigo e O Carballiño, organizou en 19287 a cuarta xuntanza xeral, que tivo lugar en Pontevedra.

A responsable do Museo Municipal de Lalín, Cecilia Doporto Regueira, dedicará a súa intervención a Aller Ulloa e as xeiras do Seminario na comarca de Deza. O ilustre científico lalinense, que foi arquitecto, mestre reloxeiro, fotógrafo e debuxante, puxo a disposición do Seminario o primeiro observatorio privado de Galicia. Foi membro do SEG desde 1928, ano no que comezaron as xeiras por Deza.

Das diversas inquedanzas de Iglesias Vilarelle falará Luís Costa, catedrático de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Aínda que as súas actividades máis coñecidas están relacionadas coa música, as que desenvolveu no Seminario vincúlanse á psicotécnica e a diglosia. O relatorio pretende achegar a estes aspectos contextualizándoos no seu momento histórico e avaliándoos desde unha perspectiva actual.

O historiador, documentalista e escritor Alfonso Mato achegarase á figura de Sebastián González, a través das tres frontes onde desenvolveu as súas actividades profesionais, culturais e políticas entre 1925 e 1936: na Universidade (como alumno e profesor), no Seminario e no galeguismo.

Por último, Diana Duo Ramila, doutora en Historia da Arte e membro do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, reconstruirá a pouco coñecida traxectoria vital e profesional de Cordero Carrete, a partir correspondencia persoal e profesional conservada no Museo de Pontevedra, así como outros fondos pertencentes a institucións españolas e americanas.

Samaín no Castelo de Soutomaior
Tras dúas fins de semana “pasándoo ben pasándoo mal” continúan as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior este venres, 20 de outubro.

Ás 20:00 horas terá lugar a visita teatralizada dirixida ao público adulto, que se repetirá tamén o sábado 21 á mesma hora. Pola súa banda, as visitas familiares terán lugar o sábado e domingo, 21 e 22 de outubro en dobre sesión, ás 11:30 e 16:30 horas. Está previsto que participen nas actividades desta fin de semana 180 persoas.

Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados de outubro en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece.

Pola súa banda as dirixidas ao público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. En cada sesión participarán 30 persoas.

As restantes propostas no Castelo de Soutomaior neste outono tamén están a obter un grande acollemento. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitas típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, con saída polo bosque para recoller castañas e a posterior degustación.