O Covelo únese ao Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama

Citará ás mulleres de 50 a 69 anos do 23 ao 26 de outubro

O Covelo | O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, en colaboración coa AECC, inicia a súa campaña no Concello de Covelo os días 23, 24, 25 e 26 de outubro do 2023.

Durante a súa estancia en Covelo realizará mamografías a todas as mulleres de 50 a 69 anos. As mamografías faranse na unidade fixa de exploración que agora está no hospital do Meixoeiro na zona de consultas externas na planta -1.

As mullleres destas idades recibirán unha carta indicándolles o día, hora e lugar ao que teñen que acudir. Para facilitarlles o acceso ao programa teñen un medio de transporte de balde de ida e volta. O uso deste transporte non é obrigatorio, poden tamén acudir polos seus propios medios á cita.

O servizo de transporte realizará paradas na praza Mestre Cerviño do centro urbano ás 8 da mañá e ás 11:30 horas. En Paraños, xunto ao cruce coa N-120 parará ás 08:10 e ás 11:40 horas.

Tódalas mulleres que teñan entre 50 e 69 anos e que non recibisen a carta poden chamar ao número de teléfono 981 14 14 14 onde lles darán cita.

Entregados os diplomas do curso de manipulación de alimentos e alérxenos
No marco do VII Plan de Formación do Concello de Covelo, o alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, entregaron os diplomas ao alumando dos cursos de manipulador/a de alimentos e alérxenos.

Desenvolto en horario de mañá de 9 a 14 horas, no auditorio municipal impartíuse o curso de manipulador/a de alimentos cunha duración de dez horas. “Procuramos que, sempre que sexa posible, os cursos se realicen en instalacións municipais para facilitar a participación e evitar os desprazamentos”, explica Lourdes Enes.

Para o deseño do VII Plan de Formación do Concello de Covelo realizouse unha consulta previa coa cidadanía, tívose en conta as observacións de orientación laboral e das academias de formación e investigouse a demanda do mercado laboral, “ofrecemos estes cursos cos que pretendemos mellorar non só o curriculum das persoas sen saír da súa contorna, tamén contribuír a que poidan atopar un traballo”. Estes cursos capacitan ás persoas con coñecementos e destrezas requeridas polas empresas e nos seis anos anteriores contribuiron a mellorar o curriculum de arredor de 500 persoas incrementándose, ano tras ano, o interese e a participación.