José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG-PSOE) foi proclamado como candidato provisional á Presidencia da Xunta de Galicia

É o único dos precandidatos que cumpre co requisito do 6% mínimo dos avais da militancia

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O deputado socialista no Congreso pola provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, vén de ser proclamado de maneira provisional como candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia ao ser o único dos aspirantes ás primarias que aporta os avais requiridos para concorrer a este proceso.

O equipo de Gómez Besteiro fixo entrega este mércores do máximo de avais permitidos, un total de 1.024 sinaturas, mentres que o precandidato Manuel Losada Fernández non pasou o corte ao non reunir o mínimo dos avais establecidos, que eran 615, equivalentes o 6% da militancia que ten o PSOE en Galicia.

Deste xeito, a Comisión Nacional de Ética do PSdeG vén de proclamar de maneira provisional a José Ramón Gómez Besteiro como candidato á presidencia da Xunta nas próximas eleccións autonómicas.

En caso de que non houbera reclamacións, a proclamación definitiva do candidato producirase transcorridas 24 horas do remato do proceso.