Polígono agroforestal de Valga, declarado pola Xunta de Galicia como utilidade pública

Supón un total de 29,75 hectáreas de terreo mobilizadas

Santiago de Compostela | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se declara de utilidade pública o polígono agroforestal da parroquia de San Miguel, no concello pontevedrés de Valga.

Deste xeito, dáse conta dos diferentes usos aos que se poden someter os terreos para executar distintas actividades agroforestais.

Este proxecto enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e supón a mobilización dun total de 29,75 hectáreas. O terreo está dividido en 377 parcelas que son propiedade de 107 titulares catastrais.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse dun polígono de iniciativa pública, o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

O polígono agroforestal de San Miguel (Valga) prevé o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos que se están a deteriorar polos procesos de abandono. A finalidade desta iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, primando sempre estes últimos.

Cómpre resaltar que as causas polas que se procede a desenvolver este polígono de iniciativa pública é a existencia dunha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para aquelas que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Aproveitando ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria como os polígonos agroforestais, máis as concentracións parcelarias, a Xunta puxo en valor xa arredor de 35.000 hectáreas. Entre os instrumentos da devandita lei salientan os 25 polígonos agroforestais en marcha, dos cales catro se atopan na provincia de Pontevedra, e as 21 aldeas modelo aprobadas en toda Galicia -unha delas en Pontevedra, en Cerdedo-Cotobade-.

Enlace da publicación do anuncio da declaración de utilidade pública do polígono agroforestal de San Miguel (Valga) no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231002/AnuncioG0426-220923-0004_gl.html