Pesar en Ourense polo falecemento do ex deputado provincial Miguel Antonio Cid

Foi alcalde de A Teixeira durante máis de trinta anos

Ourense | Luís Menor Pérez presidente da Deputación de Ourense, expresa o “sentimento unánime” de pesar polo falecemento do ex deputado provincial e ex alcalde da Teixeira, Miguel Antonio Cid Álvarez.

En nome da institución provincial, o presidente traslada á familia do médico e político o seu máis sincero apoio nestes difíciles momentos, así como o recoñecemento o labor desenvolvido por Miguel Antonio Cid na súa condición de alcalde da Teixeira durante 32 anos e deputado provincial desde 2015 ata 2023.

“Déixanos un gran home e unha mellor persoa que decidiu servir á veciñanza como profesional da medicina e como alcalde, pero tamén sen perder a perspectiva de provincia”, destaca Luís Menor.

Nacido en Celanova en 1950, Miguel Ángel Antonio Cid licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras catro anos traballando en varios puntos da provincia de Ourense, chegou ao centro de saúde da Teixeira en 1984. Durante máis de tres décadas exerceu como médico da localidade, á que se vinculou aínda máis cando en 1987 entrou na política municipal. Durante catro anos foi tenente de alcalde e en 1991 foi elixido alcalde, cargo que revalidou cada convocatoria electoral con maioría absoluta polo Partido Popular. Durante varios mandatos foi tamén deputado provincial.

Xubilado como médico, seguiu como alcalde ata o pasado mes de maio de maneira oficial, aínda que para entón levaba meses apartado da vida pública e política tras ser diagnosticado de cancro. En febreiro deste ano, preguntado pola redacción de La Voz de Galicia en Ourense sobre se optaría á reelección, apelaba á evolución da súa saúde para tomar unha decisión.

Finalmente, en abril decidiu dar un paso ao carón e non encabezar a lista do PP. Substituíulle a que ata entón era o seu número dous e que levaba meses exercendo a Alcaldía en funcións, Marisol Borrajo. Cid quixo manter o seu apoio ao partido e foi de número tres, pero non chegou a tomar posesión. Renunciou a recoller a súa acta tras as eleccións.

Desde o Concello da Teixeira lamentan o falecemento do ex alcalde. O goberno local que lidera Xosé Vázquez mandou unha mensaxe de pésame no que di “Damos ou noso máis sentido pésame á familia e ás persoas máis achegadas”.

O corpo de Cid está a ser velado no tanatorio As Burgas en Ourense. Mañá xoves será o funeral na igrexa de Santo Tomé da Barxa en Celanova ás 16.30 horas. Desde A Teixeira sairá un autobús ás 14.15 horas pasando por Abeleda para percorrer A Vidueira, o centro urbano, Pedra do Sol, Celeirós, Pedrafita e Valilongo. Viaxará con destino ao tanatorio e despois á igrexa, para regresar á Teixeira tras o oficio relixioso.