BNG esixe en Bruxelas que non se suspenda a axuda humanitaria a Palestina

Así explicou a eurodeputada Ana Miranda, integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo

Bruxelas/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo, considera que a Unión Europea debería realizar unha labor de intermediación e de paz entre Palestina e Israel neste duro momento esixindo o alto ao fogo e a continuación da axuda humanitaria en Gaza e os Territorios Ocupados, en lugar de tomar “unha indecente e pouco neutral posición”.

Miranda lembra que son numerosas as Resolucións de Nacións Unidas condenando a opresión e a ocupación de Palestina por parte de Israel. O propio secretario xeral, Antonio Guterres, acaba de expresar a súa preocupación polo cerco de Israel á Franxa de Gaza, anunciado polo Ministro de Defensa de Israel, chamando a un bloqueo completo da franxa, que deixará sen luz, auga, electricidade nin combustible a miles de persoas.

“A Unión Europea tería que centrarse en impedir máis sufrimento e mediar para alcanzar solucións de paz”, destaca a eurodeputada nacionalista, quen sinala que Israel, como potencia ocupante, vulnera sistematicamente os dereitos do Pobo Palestino e comete graves crimes contra a humanidade, detencións arbitrarias, asentamentos ilegais e barbaridades, como ha declarado a ONU en diversas Resolucións.

Fin da ocupación ilegal
“Demandamos á Unión Europea que non suspenda a axuda humanitaria, así como a protección internacional para o Pobo Palestino, o fin da ocupación ilegal e as prácticas de apartheid e apoio a solucións de diálogo e paz, redobrando todos os esforzos en estes días tráxicos para moitos civís, para unha solución pacífica e estable que respecte a Palestina como Pobo”, manifesta Miranda.

Segundo considera a eurodeputada do Bloque, quen recentemente e por segunda vez foi inxustamente deportada por Israel cando ía nunha misión oficial da Eurocámara “non é de recibo que ademais desta decisión tan drástica de suspensión da axuda, a Comisión e o Parlamento Europeo alcen as bandeiras de Israel nas súas respectivas sedes en Bruxelas, sen ter en conta a Palestina e o apartheid que sufre desde hai anos”.

Reforzo da seguridade marítima internacional
Na Comisión de Pesca celebrada hoxe a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu o reforzo das medidas de seguridade marítima internacional e alertou dos problemas que aínda supoñen as bandeiras de conveniencia en zonas sensibles como o corredor marítimo de Fisterra. Subliñouno como relatora dun “Proxecto de Opinión” da Comisión de Pesca para a Comisión de Transportes e Turismo sobre a proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello pola que se modifica a Directiva 2009/21/CE, sobre o cumprimento das obrigas do Estado de abanderamento.

A eurodeputada nacionalista lembrou que a raíz da catástrofe do Prestige, -ocorrida en novembro de 2002 e de graves consecuencias para Galiza-, a Comisión Europea tivo que desenvolver un paquete de seguridade marítima no ano 2009, “e hoxe estamos na revisión desas normas”, apuntou, xa que aínda que a Comisión considera que en xeral esta Directiva foi axeitadamente trasposta polos Estados Membros pero non se mantivo plenamente actualizada respecto aos avances no ámbito da Organización Marítima Internacional (OMI) e sigue habendo incoherencias en relación coas inspeccións e o control.

“O que pasou co Prestige e o clamor do Nunca Máis puxo en evidencia que fan falta medios, leis de protección para o salvamento marítimo

Ana Miranda defendeu ademais que se teñan en conta as consecuencias nas comunidades pesqueiras xa que ao seu xuízo a Directiva sobre o Estado de abanderamento ten unha gran importancia para as comunidades pesqueiras. Neste sentido, considera que os pavillóns de conveniencia, -como era o Prestige-, causan problemas importantes problemas en materia de seguridade, condicións de traballo, trazabilidade dos produtos da pesca e condicións de competencia equitativas.

“O que pasou co Prestige e o clamor do Nunca Máis puxo en evidencia que fan falta medios, leis de protección para o salvamento marítimo e que se teña en conta que o Corredor de Fisterra é unha zona altamente sensible por que pasan moitos barcos con bandeira de conveniencia”, sinala Miranda. Ao respecto recordou que, precisamente, a catástrofe do Prestige puxo de manifesto importantes deficiencias na resposta do Goberno español —sinaladas na Resolución do Parlamento Europeo posterior ao accidente— e disparidades dentro da Unión Europea en materia de seguridade marítima.

Problemas de transporte público en Galicia
A través dunha pregunta parlamentar, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea os problemas do transporte público que desde hai semanas se producen en Galiza. Así, dá conta das dificultades que atopan os usuarios de trens e autobuses (dos que a propia Miranda fai uso habitualmente), como a falta de prazas, a necesidade de planificar con moita antelación a compra de billetes, a falta de frecuencias, así como os continuos atrasos.

Na propia pregunta a eurodeputada nacionalista denuncia que todas as semanas se poden ver nas estacións ducias de viaxeiros que non poden facer uso deste transporte ferroviario ou de autobús, tal e como Ana Miranda ten sinalado en redes sociais. Ao seu xuízo trátase dunha “situación moi grave que complica a vida de traballadores e estudantes á hora de dirixirse a cumprir coas súas tarefas laborais ou académicos”.

Fondos insuficientes
Sen cuestionar a necesidade de potenciar o uso do transporte público, a eurodeputada do Bloque si pon en dúbida a xestión da gratuidade das viaxes sen contar coa infraestrutura acaida para dar resposta á demanda. “É imprescindible o aumento de prazas para que ninguén quede en terra”, salienta Miranda, quen considera imprescindible realizar un estudo sobre o “desequilibrio evidente” entre a oferta e a demanda existentes.

“Europa está fomentando o transporte sostible e accesible pero non se están achegando os fondos suficientes a través dos fondos europeos nin a Xunta nin o goberno do Estado están cumprindo”, indica a eurodeputada do Bloque, quen critica a complicidade da Xunta coa empresa concesionaria Mombús. “Non pode ser que o goberno galego mire para outro lado”, manifesta.

Vivenda pública e pisos turísticos
No pleno do Parlamento Europeo que se está celebrando en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou o grave problema de acceso á vivenda nas súas dúas vertentes, por un lado o encarecemento dos prezos e por outro o aumento descontrolado dos pisos turísticos. “Non pode haber pisos baleiros mentres haxa persoas con necesidade dunha vivenda”, sinalou.

No debate “Vivenda digna para todos”, a eurodeputada do Bloque sinalou que desde 2016, o prezo da vivenda en aluguer aumentou en Galiza un 25%. “Unha verdadeira catástrofe”, dixo ao respecto, ao tempo que sinalou que en Galiza hai 506.370 -que supón un 28,8% do número total, e das que 22,000 están ubicadas en Vigo-, mentres que en todo o estado son 3.837.328 as vivendas desocupadas, que representan un 14,4% da cifra total.

“A eurodeputada do BNG defendeu a posta en marcha dunha política de vivendas públicas a prezos accesibles”

Fronte a estes datos, as vivendas rexistradas para uso turístico pasaron das 500 no ano 2017 as 16.500 da actualidade, froito segundo considerou da especulación sen ningún tipo de control. Neste sentido considerou imprescindible a posta en marcha de medidas que regulen a apertura sen control deste tipo de establecementos.

Inacción do PP
A eurodeputada do Bloque defendeu a posta en marcha dunha política de vivendas públicas a prezos accesibles, “que permitiría facilitar o acceso á vivenda á xente moza ou persoas en situación de vulnerabilidade”. Neste sentido criticou a inacción do goberno galego do Partido Popular, que ao seu xuízo carece de proxecto de xestión de vivenda pública, xa entre 2014 e 2017 o goberno galego non construíu ningunha vivenda pública en alugueiro en Galiza e no 2018 só construíu unha vivenda de protección para aluguer.

Pola contra, a eurodeputada nacionalista indicou que en Europa, a vivenda pública representa un 9,3% do total, mentres que en Galiza é menos do 1%. “Temos que garantir o dereito a vivenda digna”, recalcou, ao tempo que criticou a falta de vontade política do PP para solucionar este problema de acceso á vivenda. “É imprescindible poñer freo a esta barbarie capitalista que está roubando a posibilidade de vivir dignamente a moitas persoas, como ocorre no meu país, Galiza, pero tamén como estamos vendo estes días en Portugal”, manifestou Ana Miranda.