Xunta de Galicia achega 220.000€ en axudas para o rural

Serán beneficiados un total de 851 titulares de explotacións agrarias

Santiago de Compostela | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organismo dependente da Consellería do Medio Rural, da convocatoria das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade. Así, 851 explotacións veranse beneficiadas cunha achega total de máis de 220.000 euros.

Esta liña de axudas ten por obxectivo incentivar a participación dos titulares de explotacións agrarias en réximes de calidade, isto é, en denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ou en produción ecolóxica.

Así, a través desta liña de subvencións, os beneficiarios poden financiar os custos fixos ocasionados pola inscrición e a cota anual de participación no réxime de calidade. A contía da axuda é do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Para cobrar as axudas, as persoas beneficiarias terán ata o 31 de outubro para xustificar o gasto realizado na Sede electrónica da Xunta, achegando as correspondentes facturas e xustificantes bancarios. Enlace á resolución:: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230925/AnuncioG0528-150923-0001_gl.html