II Campionato de Tapas e Petiscos de Galicia en outubro

Organiza a Academia da Tapa e o Pintxo de España

Ourense | A Deputación de Ourense trae á provincia o II Campionato de Tapas e Petiscos de Galicia, organizado pola Academia da Tapa e o Pintxo de España, que se celebrará os días 16 e 17 de outubro en dúas sedes: Casal de Armán e o hotel Oca de Allariz. Na presentación participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o presidente da Academia da Tapa e o Pintxo de España, Mikel Martínez; e o presidente da asociación “Cociña Ourense”, Gerson Iglesias.

Rosendo Fernández agradeceu á Academia que escollesen Ourense para celebrar esta segunda edición galega, porque nos vai a permitir “continuar proxectando a imaxe da nosa provincia como destino enogastronómico de calidade”. Unha perspectiva de Ourense “que non sería posible promocionar sen o arduo traballo que diariamente realizan os profesionais do sector desde os seus diferentes negocios”, destacou o deputado provincial.

Neste sentido, Gerson Ïglesias dixo que este campionato “vai poñer en valor o noso traballo e creatividade” e animou os participantes para usar nas súas elaboracións “os nosos produtos nos seus petiscos, para poder continuar promocionando a riqueza e variedade da nosa terra”.

A enogastronomía é un dos principais recursos que ten a provincia de Ourense, polo que é un dos catro recursos cabeceira -xunto con patrimonio, termalismo e natureza-, da marca turística do territorio. Ademais, é un dos “atributos da oferta turística ourensá máis valorados por aqueles que nos visitan”, e que demandan un destino de calidade, sostible e onde os protagonistas sexan os produtos locais, engadiu Rosendo Fernández.

Neste mesmo sentido, Mikel Martínez destacou “a riqueza enogastronómica desta provincia” e animou aos cociñeiros para participar cun petisco ou tapa que se poida comer en dúas ou tres bocados e que o escandallo sexa máximo de 1,80€. Os participantes ofrecerán nos seus establecementos a tapa do concurso no II Roteiro de Tapas e Petiscos de Galicia do 6 ao

Os participantes elaborarán as tapas en formato showcooking en tres boxes de cociña instalados nun escenario, diante dun xurado composto por recoñecidos profesionais da cociña en miniatura procedentes doutros territorios de España.

O Campionato repartirá entre os hostaleiros gañadores máis de tres mil euros en produtos das empresas patrocinadoras.

Na foto, Rosendo Fernández presentado o campionato.