Nova edición do certame “Tes Talento”” no Porriño

Este 22 de setembro coa semifinal e 1º de outubro a final deste evento

O Porriño | Chegan ao Porriño as Festas do Cristo e con elas unha nova edición do concurso musical `Tes Talento?´, que como cada ano dará unha oportunidade de promoción a grupos de música e solistas emerxentes.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co concelleiro de Festexos e Cultura, Bienvenido Estévez, presentou hoxe o certame na praza Arquitecto Antonio Palacios, nun que contou tamén coa presencia do segundo clasificado da anterior edición, Iker Faure, que deleitou aos viandantes con varios temas para ir quentando motores.

“Seguimos buscando novos talentos que sabemos que no Porriño e na nosa contorna os temos e moitos”, apuntou o alcalde, “No noso pobo hai unha enorme inquedanza musical e proba diso é a boa acollida que cada ano ten este concurso. Por iso dende o Concello estamos aí con eles, para apoiar os seus soños e darlles a oportunidade de compartir a súa música”.

O concurso celebrarase na praza do Concello, o día 22 de setembro terá lugar a semifinal de adultos e o 1 de outubro ás 17 h será a gran final. Previamente haberá unha preselección, pechada ao público o día 15 de setembro no auditorio municipal, tanto para a categoría de infantil como para a de adultos.

O prazo de inscrición aínda está aberto, e todos aqueles que queiran apuntarse poden facelo ata o 14 de setembro nas dependencias do Rexistro do Concello do Porriño, en horario de luns a venres de 9 a 14h. As bases poden consultarse nas páxinas web municipais www.oporrino.org e www.ecultura.net.

Outorgaranse tres premios na categoría adultos, o primeiro con 400 euros, trofeo e a gravación dun tema ou vídeo promocional, un segundo con 250 euros e un terceiro con 150 euros. Os tres finalistas clasificados en infantís recibirán un lote de produtos escolares e o trofeo do concurso.