Aberto o prazo para solicitar axudas escolares no Covelo

Na perspectiva de contribuír coa conciliación familiar e laboral

O Covelo | O Concello de Covelo informa que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar de educación infantil.

Co obxectivo de axudar ás familias a sufragar os gastos derivados do comezo do curso escolar as familias empadroadas poderán recibir un máximo de 100 euros por alumno agás as familias numerosas ou con fillos cunha minusvalía igual ou superior ao 33 % que poderán chegar aos 125 €.

“Axudar á conciliación familiar e laboral con servizos como os campamentos de verán ou a aula matinal en colaboración coa asociación de nais e pais, a oferta de actividades deportivas e de tempo de lecer no propio concello ou a axuda económica para contribuír nos gastos de material e libros son fundamentais para acompañar o día a día das nosas familias”, Explica o alcalde, Pablo Castillo.

As persoas interesadas deberán solicitar cita previa nos servizos sociais municipais para a presentación da documentación. O teléfono é o 986650027, extensión 3. O prazo rematará o vindeiro 9 de outubro.