En marcha a I Edición do Premio de Novela Histórica “Dona Urraca”

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Guiverny impulsan un certame único no seu xénero en Galicia

Pontevedra | A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, mantivo un encontro coa directora da Editorial Guiverny, Belén Fortes, como toma de contacto de cara aos avances da primeira edición do Premio de Novela Histórica Dona Urraca, que ambas entidades puxeron en marcha este ano converténdose no único galardón literario deste xénero en toda Galicia.

No encontro, que tivo lugar na sede provincial en Vigo e á que asistiu tamén o xefe de proxectos da editorial, Xosé Darriba, abordouse a situación da convocatoria e os prazos da convocatoria, cuxo gañador recibirá 6.000 € e verá editada a súa novela.

Trala convocatoria do premio en febreiro, o pasado 1 de xullo finalizou o prazo de presentación para optar ao galardón. O xurado está avaliando nestes momentos as propostas presentadas e a previsión é que no mes de novembro se reúna para emitir o seu fallo. O xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca está composto pola escritora Teresa Moure como presidenta, polo escritor Xosé Ramón Pena en calidade de secretario e, como vogais, as escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales, así como a traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández.

Ademais da calidade da obra, o xurado valorará a visibilización do papel das mulleres na historia e a ambientación de toda ou parte da trama na provincia de Pontevedra. O seu fallo será inapelable e o premio poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo. Ademais do premio en metálico e a edición da novela, a persoa gañadora recibirá un lote de 20 exemplares.

Obradoiros “Depo en marcha”
Un total de 33 entidades de xubilados e pensionistas de 20 concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores.

Os inicios da semana arrancaron o luns con oito novos obradoiros. Un total de 5 asociacións comezarán cursos de ximnasia de mantemento: a Asociación Muíños do Vento (de Catoira), a Asociación Cultural Beira do Río de Ponte Sampaio (de Pontevedra), o Centro Social Cultural e Recreativo da Terceira Idade de San Vicente de Trasmañó (de Redondela), a Agrupación Musical do Rosal e a Asociación de Veciños de San Roque (de Vigo). Tamén o luns, a Asociación de Mulleres Veciñais O Castelo de Pontevedra iniciará o curso ‘Conservando a memoria’. Ademais, a Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e Comarca comezará un curso de terapia emocional e a Asociación Cultural Xida (O Rosal) un curso de pilates.

Este martes 5 de setembro será a quenda do comezo doutras seis accións. Tres colectivos iniciaranse nos talleres de ximnasia de mantemento: a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, a Asociación de Veciños San Miguel de Lamela (de Silleda) e a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada). Outras dúas entidades comezarán accións de conservación da memoria, concretamente a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos), e mais a Asociación de Veciños de Alxán (Soutomaior). Ademais, a Asociación de Mulleres Rurais Avelaíña (Vilagarcía) comezará un obradoiro de ioga.

O mércores 6 de setembro terán lugar outros seis inicios de obradoiros de “Depo en marcha”. Outros dous colectivos comezarán o obradoiro de conservación da memoria, a Asociación Veciñal Ponte de Mañufe (Gondomar) e a Asociación de Veciños Xuntanza do río Loira de Seixo (Marín). Ademais, as Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) comezarán un obradoiro de bailes de salón, a Fundación Pazo de Mos un obradoiro de teatro, a Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) unha acción de pandeireta e canto popular e a Asociación de Veciños de San Miguel (Vilagarcía de Arousa) un obradoiro de musicoterapia.

O xoves 7 de setembro tres asociacións iniciaranse nas habilidades dixitais para o uso cotián: a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Uxía de Mougás (Oia), a Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado-Paradanta (con sede en Ponteareas) e mais a Asociación Veciñal San Pedro de Sárdoma ‘O Carballo’ (de Vigo). A Asociación Cultural e Social de Soutelo (Salceda de Caselas) comezará a súa formación en conservación da memoria, e outros dous colectivos, a Asociación de Veciños San Mamede de Torroso (Mos) e a Sociedade Cultural Deportiva San Martiño de Verducido (Pontevedra) cadansúa acción de bailes de salón.

Finalmente, a Asociación de Mulleres Rurais de Caselas (Salceda de Caselas) comezará un obradoiro de plantas medicinais, a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán comezará un curso de pilates e a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (Silleda) un curso de pandeireta e canto popular.

Por último, o venres 8 de setembro dous colectivos comezarán obradoiros de bailes de salón, a Asociación Fibromiño (A Guarda) e Doa Saúde Mental (Vigo). A Asociación Juan XXIII (Pontevedra) iniciarase na musicoterapia e a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle (Redondela) comeza unha acción de risoterapia.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.