II edición do “Andatui” de Fortaleza en Fortaleza

O sábado 23 de setembro nas cinco fortalezas entre Tui e Valença

Tui | O sábado 23 de setembro o club Andatui realizará a segunda edición De fortaleza en fortaleza, un evento de ocio onde mesturaremos sendeirismo con turismo histórico, visitando cinco fortalezas defensivas da fronteira máis antiga de Europa.

Nesta ruta, duns 23 quilómetros, visitaremos cinco fortalezas defensivas situadas ao carón do río Miño. Unha xornada de sendeirismo na que realizaremos unha visita guiada polas fortalezas de Tui, Valença, san Francisco de Lovelhe, castelo de Vila Nova de Cerveira e san Lourenzo de Goián. Cinco fortalezas de catro poboacións (Tui, Valença, Vila Nova de Cerveira e Tomiño) que conforman dúas Eurocidades, dous países, tres linguas e todas elas unidas polo río Miño.

As visitas ás cinco fortalezas, duns vinte minutos cada unha, serán guiadas polo historiador Suso Vila, un dos maiores coñecedores da arquitectura defensiva a ámbolos lados do último tramo do río Miño.

Sairemos desde a praza da Inmaculada de Tui ás 08:30 horas para facer unha visita pola súa muralla. A continuación camiñaremos ata a fortaleza de Valença onde nos explicarán a súa historia. Finalizada a explicación camiñaremos pola ecopista que vai ao carón do río Miño ata a Área recreativa da Lenta, en Vila Nova de Cerveira, onde xantaremos. Pola tarde faremos as visitas guiadas ao forte de san Francisco de Lovelhe, ao castelo de Vila Nova de Cerveira e o forte de san Lourenzo en Goián. Ao finalizar esta visita colleremos os buses que nos levarán ata o punto de partida en Tui. Xa está na páxina www.andatui.es toda a información e o formulario de inscrición.