Adxudicadas as obras de pavimentación en Barcia de Mera e Paraños no Covelo

Por valor de preto de 100.000€

O Covelo | O Concello de Covelo informa que vén de adxudicar as obras de pavimentación de camiños municipais nas parroquias de Barcia de Mera e Paraños. Co obxecto de mellorar a calidade de vida da veciñanza e apoiar o traballo dos negocios locais executaranse obras na pista entre Mera e o albergue Alentea e no camiño Cotarel-As Medelas cun custo de 93.990€.

No marco do Plan de Melloras de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) realizaranse obras de limpeza, ensanche e asfaltado, entre outros traballos que mellorarán as actuais condicións de tránsito na pista das Veigas e Camiño das Rochas no lugar de Mera, que da servizo tamén ao albergue Alentea, e no camiño As Searas de Cotarel a Medelas, na parroquia de Paraños.

Na actualidade, ámbolos dous camiños presentan moitos baches e zona de rodadura en formigón ou terra, inexistencia de cunetas en moitos tramos e pasos estreitos que dificultan o tránsito dos vehículos.

O Concello informa que para a execución dos traballos realizaranse traballos de excavación, desmontaxe de peches e muros para o ensanche da vía, limpeza e apertura de cunetas para a mellora da drenaxe, limpeza de caños e arquetas obstruídas, instalación de tubaxes e arquetas novas así como salvacunetas para canalizar as augas, colocación de muros de perpiaño de pedra granítica e pavimentación ademais de mellorar a seguridade viaria co pintado de marcas viais e colocación de sinalización de stop onde proceda.