Salceda ‘ponse a punto’ para o novo ano escolar

Con reformas nos centros educativos e desbroces nas áreas verdes

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas deu comezo ás tarefas de desbroce dos parques e o mantemento dos aparcadoiros disuasorios do centro da vila, coa finalidade de ter todo listo para o comezo do novo ano escolar 2023-24 a fin de acondicionar as aulas das parroquias e as paradas de autobús.

Tamén completouse a montaxe de andamios na aula de Picoña, para proceder ao cambio de tellado antes do inicio de curso e que os nenos e nenas poidan gozar do seu cole nas mellores condicións.

Pola súa banda, a Concelleira de Ensino, Selene González, mantivo unha xuntanza cos directores do CRA Raíña Aragonta e do CEP Altamira de xeito conxunto de cara ao vindeiro curso, pois os dous centros comparten servizos como o de conserxería polo que é fundamental a coordinación.

Igualmente foi patente a boa disposición do alumnado e profesorado do obradoiro de emprego que se está a encargar da rehabilitación da vivenda do mestre de San Xurxo, e que tiveron a ben modificar as suas vacacións establecendo quendas para que a obra non se vise interrompida e poder chegar a tempo ao inicio do curso.