III edición do Torneo de Petanca “Concello da Guarda”

Este sábado 19 no Parque Deportivo O Codesal

A Guarda | As Pistas Deportivas do Codesal acollen na xornada deste sábado día 19 de agosto terceira edición do Torneo de Petanca Concello da Guarda, un evento deportivo na modalidade de dupletas promovido dende o clube local O Caldeiro e o Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes.

Unha xornada de deporte e lecer que arrancará ás 8:30h da mañá e se estenderá ata 20:45h cando terá lugar a entrega de premios e na que participarán máis de medio cento de equipos de toda Galicia, baixo o convite lanzado dende o Clube de Petanca O Caldeiro, que conta xa con 27 deportistas federados.

O deporte da Petanca ten experimentado nos últimos anos un gran incremento de xogadores e de competicións, o que motivou a que o Concello da Guarda apostase pola mellora das infraestruturas deportivas na zona do Codesal, onde o Clube Local desenvolve os seus adestramentos e competicións, sendo un dos clubes con máis deportistas federados. Agárdanse un total de 56 equipos de Petanca de toda Galicia, cun aproximado de 150 xogadores e xogadoras.

As instalacións de O Caldeiro na zona do Codesal son unas das mellores instalacións para a práctica da Petanca de toda Galicia, nas que se teñen realizado numerosas melloras nos últimos anos para contar na actualidade cun total de 28 pistas, sistema de alumeado, auga, almacéns, vestiarios, aseos, entre outros.

Alerta contra o vandalismo nas Festas do Monte
Tras un domingo do Monte de troula e xuntanza, queremos facer unha pequena reflexión sobre diferentes actos que tiveron lugar durante a noite deste domingo e que están totalmente fóra do que realmente significa a nosa festa grande.

Todos somos conscientes de que durante os días das festas prodúcese unha gran concentración de xente na nosa vila, implicando un enorme esforzo por parte dos traballadores e traballadoras municipais en materia de limpeza, orde público e mantemento, de maneira que as nosas rúas luzan da mellor maneira durante estes días tan especiais para todas e todos nós.

Sen embargo e desgraciadamente, as accións duns poucos van máis alá, producindo danos de consideración no mobiliario urbano, fornecementos e incluso vehículos municipais. É preciso recordar que, as accións de vandalismo, ademais das posibles consecuencias legais que poidan derivarse das mesmas, implican unha dedicación de recursos públicos, tanto humanos coma económicos, para a recuperación do mobiliario ou os equipamentos vandalizados, que se deixan de dedicar á mellora ou conservación doutros elementos.

A sociedade guardesa somos unha sociedade pacífica e respectuosa e non debemos tolerar que uns poucos provoquen este tipo de danos e desperfectos, difundindo unha imaxe da nosa vila como un lugar sen orde e sen lei.

As rúas, o mobiliario, os vehículos e os fornecementos son de todas e todos os guardeses e están á súa disposición, polo que deben de coidarse e respectarse como tal.

A Guarda é a nosa casa e así debemos coidala, erradicando das nosas rúas comportamentos incívicos e vandálicos, ben sexan o domingo do monte ou calquera outro día do ano; porque o coidado e o respecto do que é noso é fundamental para que A Guarda sexa sempre un lugar admirado por nós, como guardesas e guardeses, así como por todos aqueles que nos visitan.