PP Tui nega estar bloqueando as retribucións do goberno municipal

O Alcalde tachou de "indignas" as retribucións que el mesmo aprobou no anterior mandato

Tui/PPdeG | O pasado martes 11 de xullo celebrouse o pleno de organización municipal no que se trataron temas tan cruciais para o funcionamento da corporación municipal como a periodicidade da celebración dos plenos, punto que o Partido Popular votou a favor ao concordar coa proposta presentada polo equipo de goberno.

Outro dos puntos importantes que se someteron á votación do plenario foron as dedicacións e salarios dos membros do goberno. Lamentablemente, a falta de comunicación e diálogo do Sr. Cabaleiro, a actitude pretensiosa do seu equipo e a falta de coherencia que demostrou coa proposta presentada no pleno, onde se pretendía pasar de dúas dedicacións exclusivas a cinco, desencadeou que ningún dos grupos políticos da oposición votaran a favor da proposta de dedicacións e salarios presentada polo equipo de goberno.

Resulta difícil de entender, aínda que moi revelador, que o Sr. Alcalde levase a pleno a aprobación das dedicacións e soldos sen antes chegar a un consenso con algún grupo político, sendo coñecedor ademais do rexeitamento que estaba a provocar a súa proposta. Aínda así, este grupo municipal do Partido Popular comprometeuse publicamente no pleno, en mostra de boa vontade, a aprobar as mesmas dedicacións e soldos aprobados no mandato anterior polo Sr. Cabaleiro coa pertinente actualización do IPC. Proposta que, de maneira incomprensible, o Sr. Alcalde calificou de “indigna”.

Desde o equipo municipal do Partido Popular defendemos a transparencia, a xestión responsable dos recursos públicos, así como tamén o diálogo construtivo. O que non estamos dispostos é a aceptar imposicións, polo que apelamos á reflexión e ao diálogo na procura de consensos amplos que permitan tomar decisións en beneficio do noso Concello.