Concello de Ponteareas recuperará a contorna do Castelo do Sobroso

A alcaldesa Nava Castro visitou a fortaleza para analizar as obras en marcha

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitou estes días a contorna do Castelo de Sobroso, ordenou a inmediata limpeza de toda a zona e tratará de acelerar a recuperación da entrada principal da fortaleza, un espazo derrubado hai máis dun ano por un vehículo.

Os estragos provocados na zona obriga ás persoas visitantes a tomar un importante desvío para acceder ao recinto.

A colaboración entre o Concello de Ponteareas, propietaria do Castelo de Sobroso, e a Deputación de Pontevedra, administración encargada da súa xestión, é clave para poñer en valor o patrimonio cultural desta fortaleza, que destaca como un dos monumentos históricos máis importantes da provincia.

A rexedora, tamén como representante da Deputación de Pontevedra, reiterou o seu compromiso para protexer e preservar o rico legado histórico e arquitectónico da vila e a súa máxima colaboración “para que o Castelo de Sobroso se encha de vida e actividade, recupere o seu máximo esplendor e sexa un referente turístico na nosa comarca”.