Ponteareas reabrirá a Axencia de Lectura da Casa Cultural de Areas

A alcaldesa Nava Castro mantivo un encontro con directivos do centro cultural

Ponteareas | O Concello de Ponteareas traballa xa na recuperación de espazos para veciños e veciñas nas parroquias. A alcaldesa, Nava Castro, acompañada do concelleiro de Cultura, Ricardo González, e da concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, mantiveron un encontro coa secretaria e a vogal da Casa Cultural e Artística de Areas, Sheila Martínez e Saray Martínez, para coñecer a situación na que se atopan estas instalacións e as súas necesidades.

Durante o encontro, a directiva salientou a situación na que se atopa a Axencia de Lectura instalada no centro, que leva anos sen dárselle o uso para o que fora concibido este espazo e ofreceu a súa colaboración para a reapertura deste espazo.

Nava Castro agradeceu esta iniciativa e o comprometeuse a que o Concello colaborará coa Casa Cultural e Artística de Areas para a reapertura desta instalación cultural na parroquia. “É fundamental aproveitar ao máximo os recursos culturais dos que dispoñemos na nosa vila. Por iso traballaremos en conxunto coa directiva desta casa cultural para recuperar un espazo pensado para o desfrute dos veciños e veciñas da parroquia, un escenario ademais inmellorable para brindar novas actividades para todos os públicos”, salientou a alcaldesa.

Concello contrata servizo de baleirado
O Concello de Ponteareas reforza os servizos nas parroquias coa contratación do baleirado de pozos negros e fosas sépticas de augas residuais domésticas procedentes de vivendas unifamiliares, centros socio-culturais ou casas de turismo rural situados en parroquias ou lugares sen saneamento.

O servizo sae a licitación por un importe inicial de case 55.000 euros e incluirá un mínimo de 200 baleirados anuais de 9.000 litros de residuos cada un.

En caso de que a fosa séptica a baleirar conteña máis desa cantidade, a persoa propietaria deberá tramitar unha nova solicitude e pagar un novo prezo público para baleirar outros 6.000 litros extra, xa que o límite máximo está situado nos 15.000 litros por ano.

Con esta contratación darase servizo ás vivendas situadas principalmente nas parroquias de Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade, Guláns, Moreira, Nogueira, Oliveira (San Lorenzo), Padróns, Paredes, Pías, Ribadetea, San Mateo de Oliveira e Santiago de Oliveira, así como a aquelas con algunhas zonas nas que non se dispón de rede de saneamento, como Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Prado e Xinzo.

Dende o Concello repítese a licitación para poder cumprir con todos aqueles veciños e veciñas que xa abonaron o servizo pero que non chegaron a recibilo. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xullo.