PSOE de Ponteareas en contra de abrir o tráfico pola Praza Bugallal

Ante a recente apertura ao tráfico nas rúa Vidales Tomés e Morales Hidalgo

Ponteareas/PSdeG-PSOE | O actual goberno municipal volverá a canalizar o tráfico rodado nunha única dirección dende a rúa Vidales Tomés, pasando pola Praza Bugallal, ata enganchar co tramo da rúa Morales Hidalgo.

O PSOE avalía a re apertura ao tráfico rodado pola Praza Bugallal como un retroceso con consecuencias nocivas para Ponteareas. Os socialistas alertan do incremento do ruído, a contaminación e da expulsión dos veciños dos espazos públicos recuperados durante os últimos 8 anos.

Ademais consideran que esta decisión é un atentado contra o patrimonio contemporáneo da vila. Sinalan os socialistas que a Praza Bugallal foi premiada polo Colexio de Arquitectos de Galicia por artellar unha solución ás necesidades de convivencia no espazo público.

Os socialistas levarán esta medida ao pleno municipal onde reclamarán que se volva ao modelo planificado e ordenado por técnicos reputados e con experiencia. Con isto, dende o PSOE vén unha improvisación sen sentido, nin criterio por parte da alcaldesa Nava castro, que máis semella a un capricho que a unha necesidade real.

Tamén poñen en dúbida a utilidade pública desta decisión, dado que o goberno encabezado por Nava Castro proxectou un número de prazas de aparcamento diante da sede do seu partido.

Dende o PSOE apostamos por unha rúa urbanizada e humanizada que elimine barreiras arquitectónicas e as dobres alturas para as persoas con diversas mobilidades, recuperación de bancos e zonas con sombra para as persoas maiores e o impulso dos itinerarios peonís fronte aos vehículos.