Ponteareas en Común denunciou o aumento de soldo da nova alcaldesa Nava Castro

Considerouno unha "hipocrisía" ao subir o seu salario en 11.000 € ao ano

Ponteareas/Ponteareas en común | O día 26 de xuño escenificouse a falta de cultura democrática do goberno de Nava Castro ao acudir sen un consenso previo ao pleno de organización do concello para os próximos 4 anos. Esta falta de diálogo provocou a retirada da proposta de reparto de concellerías de goberno e as diferentes asignacións por desempeñar as súas responsabilidades..

Manoel Ucha, concelleiro de Ponteareas en Común, sinalou que “A proposta que se trae hoxe é subir o salario da alcaldesa dos 45000€ anteriores, que a PeC xa lle parecía excesivo, a 56000€. Se traducimos isto é cobrar 4700€ ao mes. Consultando as estatísticas oficiais, en Ponteareas a xente de media gaña 23000€. Demostrades que o que vos interesa é algo máis que facer política, e é encherse os petos.”

Tamén engade que “Nós defendemos que todos os cargos públicos cobren, porque fan un traballo e hai que dignificar as tarefas de goberno, pero os salarios deben ser acordes á realidade do concello. Porque dignificar a política non é ter salarios máis de dúas veces superiores o traballo medio, se non que é meter aquí, no pleno de Ponteareas, a xente do común, de clase traballadora, xente que levamos anos traballando polo ben común sen gañar un carto no goberno municipal.

A nosa proposta é clara: nós defendemos que todos os cargos públicos cobren 2 veces o SMI, é dicir, 32000€ ao ano. Consideramos que as prioridades de Ponteareas son outras, non subirse o salario no primeiro día.”

PeC entende como nefasta a proposta presentada unilatermante polo goberno do PP, que con practicamente o mesmo orzamento, reduce á metade ás persoas dedicadas ás tarefas de xestión e de dinamización das políticas municipais para elevar os salarios da alcaldesa e o resto de concelleiros con adiación. Por exemplo, Benestar social, unha das responsabilidades máis delicadas e que máis atención precisa, non vai ter ningún tipo de adicación.

PeC sostén que as revisións de salarios ás concelleiras e concelleiros deben de vir precedidadas dunha revisión igual ou equiparable do conxunto de traballadoras e traballadores do concello.

Así mesmo, a proposta do PP completábase coa creación de dous postos de confianza, é dicir, de nomeamento directo: unha persoa adicada a exercer a secretaría persoal de Nava Castro e outra para exercer o Comisionado para o Corpus Christi e xestión de protocolo. A intención de continuar o legado do “cacicato” abandonado no 2003 semella tristemente real.

O argumento de Francisco Jesús Represas, concelleiro do PP, é clarificador: “hai que axustar os salarios á unha cantidade aproximada ao que viñamos percibindo con anterioridade”. Este mesmo edil participou na lexislatura pasada na campaña contra as percepcións dos anteriores responsables políticos do goberno, acusándoos de non querer baixar o custe dos salarios nun 60%. É por tanto a mostra da hipocrisía do PP que di unha cousa na oposición e exactamente no día seguinte de chegar ao goberno, fai a contraria.