O programa para maiores da UVigo pretende mellorar a calidade de vida

A través da aprendizaxe e a súa participación na sociedade actual

Ourense | Antonia Blanes, impartiu unha conferencia sobre emprendemento na cafetería O Próximo, pois ademais de traballar para as súas clases non dubidou en apuntarse a “Embaixadores da ciencia e do coñecemento”, unha iniciativa incluída no plan anual “Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo” a través da cal os alumnos imparten unha serie de charlas acompañados e asesorados polo persoal investigador.

Antonia Blanes é unha das máis de cen alumnas do Campus de Ourense que participan no Programa para Maiores da Universidade de Vigo (PUM). Para ela, a idade non é un impedimento para estudar, senón todo o contrario: “Aprender fainos humanos. O coñecemento non teñen fronteiras e é o que nos mantén vivos. Está moi ben facer exercicio para conservar ben o corpo, pero se non alimentas a túa mente o corpo non serve absolutamente para nada”.

Ela e o seu marido foron dous emprendedores da cidade. Primeiro rexentaron unha fábrica de porcelana durante máis de trinta anos e despois trasladáronse á zona vella da cidade para montar tres coñecidas tendas de agasallos: Donantía, O pequeno trasno e A galiña Petarda. Por iso, a súa charla virou ao redor deste tema.

“É a mellor persoa para contar que limitacións existen á hora de crear un negocio e os pasos para seguir para que todo funcione. A súa traxectoria vital e a súa experiencia é a universidade da vida”, destaca Alberto. A idea era impartir esta lección con Miguel Ángel, pero acaban de operalo e atópase en repouso. Así que ela soa enfrontouse a todos os presentes conseguindo unha gran ovación ao finalizar.

Tamén falou de mulleres emprendedoras, pois considera que “son moitas as que fixeron cousas impresionantes agarrando o touro polos cornos en tempos nos que o touro tiña uns cornos moi grandes”. Unha das que mencionou foi Antonia Ferreira, unha muller portuguesa do século XIX que conseguiu dar prestixio ao viño do Porto e que se converteu nunha referencia para ela.

Agora gozará das súas vacacións de verán e en setembro retomará o curso. “Agora hai un plan con novidades e xa me apuntei. Levo xa 8 anos na universidade”. Iso si, seguirá exercendo a súa mente durante estes meses de descanso. Na foto Antonia Blanes cos seus compañeiros e o coordinador do programa para maiores da UVigo, Alberto Vaqueiro.