Máis galego nos concellos.

O triste espectáculo dos alcaldes en funcións de Vigo (PSdeG), Ourense (Democracia Ourensana) e do futuro alcalde de Ferrol (PP) comparecendo perante os media e público en xeral só en castelán na noite electoral do 28-M pon de manifesto a necesidade de esixir dos nosos alcaldes, alcaldesas e das nosas administracións locais todas o cumprimento do mandado polo Estatuto de Galicia, pola nosa Lei de Normalización Lingüística (aprobada por unanimidade do Parlamento deste país hai agora 40 anos) e polo artigo 7 da vixente Lei de Administración Local de Galicia de 1997 que dispón que o galego, como lingua propia de Galicia sexa tamén a lingua propia da súa Administración local e dispón que “todas as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

Mandato que tamén fixa e mesmo amplía a Ordenanza do galego da Coruña, declarada integramente legal por recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En realidade, estas esixencias legais teñen un carácter claramente de mínimos. Porque a obriga de promoción da lingua galega referida aos concellos e deputacións esixe que a normalización do uso do galego non só na Administración local, senón na vida social e cidadá de cada vila, cidade ou localidade constitua un eixo transversal da acción de goberno, canda a propia promoción da nosa cultura, as políticas de igualdade e máis as políticas de inclusión social. Velaí porqué na negociación dos gobernos locais entre BNG, PSdeG e, no seu caso, outras forzas progresistas cómpre estean presentes estes eixos transversais para que a eficiencia na xestión poida xerar tamén as transformacións requiridas, entre eles a mellora xeral da presente e cativa situación do uso do galego nos concellos.

“Todos os alcaldes e todas as alcaldesas e máis as persoas que asuman os cargos de voceiros de cada grupo municipal e as concellerías delegadas haberían lembrar a súa obriga cívica co galego”

Neste contexto, todos os alcaldes e todas as alcaldesas e máis as persoas que asuman os cargos de voceiros de cada grupo municipal e as concellerías delegadas haberían lembrar a súa obriga cívica co galego dando exemplo do seu uso constante e xeral ao persoal de cada Administración local, das súas empresas concesionarias e contratistas e á cidadanía en xeral. Porque é unha esixencia directa do espirito e finalidade da nosa legalidade e do compromiso cidadán co País que ha asumir cada cargo público.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.