O Porto da Guarda terá baño público automatizado

Grazas aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea

A Guarda | Na liña de traballo de mellora dos servizos municipais o concello da Guarda viña procurando financiamento para a instalación dun aseo público no porto da Guarda coas mesmas características co instalado na alameda no ano 2021.

Trátase dun aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida cun sistema de limpeza automatizado despois de cada uso e con apertura de portas programable. Que no caso da alameda fora financiado co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Neste caso, o financiamento para a nova dotación, vai con cargo a unha subvención en concorrencia non competitiva a concellos para embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con cargo aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados por Turismo de Galicia.

A contía da subvención ascende a 45.000 € e representa o 90% do investimento que está cifrado en 50.000 €.

A instalación do aseo está previsto facela no límite do xardín a carón da casa do Mar e preto do Auditorio de San Benito. Este servizo, ao igual que o da alameda, foi priorizado polo equipo de goberno en vista da importante demanda veciñal e da mellora que representa dos espazos e servizos públicos da localidade.

O Ciclo Mestre Mateo 2023 chegará á Guarda
No mes de xuño comeza na Guarda o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración das catro deputacións provinciais, para poder amosar o mais novidoso e relevante do noso cinema nas vilas de Galicia.

Esta proposta que tivo a súa primeira edición o pasado ano 2022 , suma neste 2023 novas localidades entre as que se atopa a vila da Guarda. O ciclo conleva a proxección de 8 filmes, de ficción, documental e animación que se proxectarán entre os meses de xuño e novembro.

O ciclo comezará no mes de xuño coa proxección de dúas longametraxes de ficción: o 8 de xuño con Código Emperador, filme de acción dirixido por Jorge Coira estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); que poderá verse na Guarda o 29 de xuño.

Durante o verán o ciclo fará unha pausa para retomarse no mes de outubro, cando poderemos ver a gran gañadora da edición 2023: O Corpo Aberto, que se fixo con 12 galardóns na presente edición dos premios Mestre Mateo 2023. Outros filmes que teremos a oportunidade de ver nos meses de outubro son: o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, e Unicorn Wars recoñecidas respectivamente como Mellor documental e Mellor longametraxe de animación.

O filme de animación Valentina, que foi gañadora no 2022 do Goya á mellor longametraxe de animación, así como os documentais A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival. Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións.