Podemos – Marea de Vigo propón a creación dun Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio

Con persoal técnico, entidades culturais, movemento veciñal, Colexio de Arquitectos e UVigo

Vigo/Podemos – Marea de Vigo | Podemos – Marea de Vigo creará un Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio para a defensa, conservación e divulgación do Patrimonio histórico, artístico e cultural de Vigo, coa intervención de persoal técnico, entidades culturais, movemento veciñal, Colexio de Arquitectos e Universidade de Vigo.

O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial. Ademais defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico.

Podemos –Marea de Vigo concibimos a cultura, do mesmo xeito que a educación, como un eixo artellador das políticas municipais. A cultura como espazo de intercambio de experiencias e de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Propoñemos unha cultura creativa, formativa, que reafirme os procesos culturais de base.

Desde Podemos – Marea de Vigo cremos necesaria a revisión, recatalogación e protección do patrimonio urbanístico, arquitectónico e artístico da nosa cidade. Defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico. Este patrimonio constitúe un tesouro cultural de primeira orde e unha parte esencial da identidade da nosa cidade, polo que resulta especialmente grave a súa deterioración ou perda en beneficio de obxectivos puramente especulativos.

Para estudar, defender, protexer e restaurar o noso patrimonio, constituiremos un Observatorio, Instituto ou Consello Municipal de Cultura e Patrimonio para a Defensa do Patrimonio de Vigo, coa intervención de persoal técnico en estreita colaboración coa Universidade de Vigo. O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial.

Ese observatorio abranguerá os seguintes eidos temáticos: monumentos, edificios e conxuntos arquitectónicos, rede museística, lugares arqueolóxicos, paisaxes culturais, itinerarios culturais, sitios naturais, memoria histórica e patrimonio cultural inmaterial. Este Observatorio ou Consello Municipal de Cultura defenderá de maneira sistemática e rigorosa o noso patrimonio e evitará o desmantelamento dos servizos públicos culturais, especialmente da rede museística. Fai falta garantir a conservación do noso patrimonio material, histórico, arquitectónico, urbanístico, artístico e preservar a memoria histórica na nosa cidade.