O Mos industrial crece en preto de 700.000 m2

Tras constituirse a Xunta de Compensación do SUDI O2 Cebral en Petelos

Mos | Hoxe (xoves 18 de maio) asinouse na notaría do Porriño ante notario a acta de constitución da Xunta de Compensación do SUDI Cebral aos efectos de iniciar o desenvolvemento do polígono.

O acto de sinatura realizouse entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os propietarios que se incorporan á devandita Xunta de Compensación. Agora, e tras a preceptiva sinatura, redactarase o proxecto de urbanización e reparcelación das fincas.

Os estatutos e as bases da Xunta de Compensación do SUDI 02 en Cebral xa foron aprobados en Pleno e constitúese agora esta Xunta de Compensación coa incorporación da porcentaxe de propietarios necesaria.

Deste xeito ponse en marcha o desenvolvemento do Polígono de Cebral, cuxa ordenación detallada xa foi incluída no PXOM mosense aprobado en 2017.

Así Mos ampliará o seu solo industrial con máis de 150.000 metros cadrados en Petelos, na zona do antigo matadoiro incrementando notablemente a cantidade de solo industrial do termo municipal, xa que a esta zona sumáselle tamén o novo Polígono de Arrufana que deste a Xunta de Galicia estase a desenvolver tamén.

O pasado mes de marzo a Xunta informaba do inicio da redación do Plan Estruturante do novo Parque Empresarial de Arrufana ao que destina preto de 300.000 euros. O Polígono de Arrufana permitirá a ampliación do solo industrial en Mos en preto de 500.000 metros, que, sumados aos 150.000 metros cadrados de Cebral, acadan os preto de 700.000 metros cadrados.

O Consello de Administración de Xestur xa autorizou licitar o contrato para a elaboración do plan estruturante de Arrufana en Louredo. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, incidiu na importancia que terá o desenvolvemento de ambos polígonos para poder responder á demanda de superficie industrial existente no concello. “Porque hai demanda e porque tan só restan escasas parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a rexedora local mosense, que salientou que Mos é unhas das “áreas estratéxicas” sendo “o 4º municipio industrial da provincia”.

Coa constitución da Xunta de Compensación do SUDI 02 en CEBRAL e coa licitación do contrato para a elaboración do plan estruturante para o novo polígono de Arrufana por parte da Xunta de Galicia, Mos seguirá crecendo empresarialmente, en emprego e en economía, e crecendo como territorio de oportunidades.