“CelebraMos” o Centenario do RC Celta

Con preto de 400 alumnos do IES de Mos xunto cos xogadores celtistas

Mos | O Multiusos das Pozas encheuse hoxe con preto de 400 alumnos do IES de Mos que participaron nun encontro con xogadores do RC Celta nun acto que forma parte do programa “CelebraMos o Centenario” que arrancou o pasado 8 de marzo na Cidade Deportiva Afouteza, en Mos.

No acto participaron Larsen, Luca de la Torre e Swedberg ademais do vicepresidente do club, Ricardo Barros, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen agradeceu ao club este emocionante acto para os rapaces. “Quero agradecer ao RC Celta, ao seu vicepresidente a e a os xogadores o agarimo co que prepararon este encontro”, destacou Arévalo.

Durante o encontro, os rapaces de primeiro a terceiro da ESO do IES de Mos tiveron a ocasión de ver un vídeo de animación sobre a historia dos cen anos do Club celeste e dez deles puideron formularlles preguntas aos xogadores. Entre elas, algunhas como que outra profesión elexirían de non ser futbolistas, consellos básicos de alimentación ou que trofeo lles gustaría gañar xogando co Celta.

Nun ambiente moi distendido, os alumnos do IES participaron tamén dun show Freestyle a cargo de Alejandro Portilla no que mesmo se lles invitou a participar dous deles. “CelebraMos o Centenario” incluiu tamén un programa de visitas guiadas a Afouteza no que participaron centros de mosenses e unha plantación de 1.000 árbores en Mos, á que se sumou o club celeste, con motivo do Día Mundial dos Bosques.