O Rock in Río Tea volve á Feira Vella

Os días 30 de xuño e 1 de xullo, de balde e cun cartel explosivo

Ponteareas | O Rock in Río Tea volve á Feira Vella cunha morea de propostas de balde coas que facer bailar e desfrutar da música ao público. O festival conta co financiamento do Concello de Ponteareas, que incrementa este ano o seu apoio e a súa aposta pola música e a cultura.

O Rock in Río Tea celebrará o 30 de xuño e 1 de xullo a súa undécima edición “con música de alto nivel, un elenco de grupos e artistas incríbel que sabemos que fará vivir ao público unha experiencia inesquecíbel”, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

O festival arrancará o venres 30 de xuño con tres actuacións de luxo. Aphonnic fará as delicias do público máis entusiasta, que se deixará a gorxa para acompañar a un grupo que con cada un dos seus seis discos foi dando pasos de xigante ata conseguir crear un estilo propio e recoñecíbel que bebe do metal alternativo ou do metalcore. Con 20 anos de traballo ás súas costas e triunfando a nivel nacional, os vigueses subirán ao escenario cargados de himnos musicais.

Tamén estará na cita a banda con máis táboas do panorama ponteareán, Errantes, que ofrecerá un espectáculo mítico que fará ao público bailar e cantar baixo unha infinidade de estilos. Non podía faltar sobre o escenario o alumnado do CDM (Rock School), que serán os encargados de abrir esta nova edición do festival.

O sábado 1 de xullo será a quenda dun dos grupos máis esperados do cartel, León Benavente, unha das bandas de referencia do rock nacional. Dende a publicación do seu primeiro disco en 2013, a banda leva unha década enchendo salas, recintos e festivais e sacando algunhas das cancións máis emblemáticas da música en castelán dos últimos anos.

Tamén estará presente no Rock in Río Tea Aiko el grupo, que farán vibrar ao público cun repertorio que vai dende o pop máis duro ata o punk máis distorsionado, unha verdadeira forza da natureza sobre o escenario. As e os ponteareáns poderán gozar ademais de Venturi, unha banda de sonido british, con bases poderosas e melodías redondas que fan evolucionar as súas cancións a hits para facer saltar ao público dende o primeiro minuto ata o último.

Esa mesma xornada o festival contará tamén coa presenza de Fillas de Cassandra, o dúo formado por María Soa e Sara Faro que presentará en Ponteareas o disco galego do ano, o seu primeiro traballo ‘Acrópole’.

Nel a través de melodías tradicionais, pop e electrónica confeccionan unha viaxe ata os mitos femininos gregos para establecer paralelismos e cuestionar unpresente que non semella tan distante daqueles tempos. E, por suposto, non poden faltar entre os grupos participantes neste amplo programa de concertos Visions of Johanna, os gañadores do Concurso de bandas co seu folk rock exquisito.

O Rock in Río Tea converterase ademais no lugar perfecto para descubrir novos talentos. O sábado os público poderá coñecer a María Gabeiras, Sara Casas e Caro, tres artistas emerxentes que participarán por primeira vez no festival baixo o paraugas de ‘Descúbreas’, un programa da Deputación de Pontevedra que busca visibilizar o traballo de artistas femininas prometedoras.

Novas tecnoloxías na aula CeMIT
A aula CeMIT de Ponteareas abre as súas portas durante o vindeiro mes de maio con unha ampla programación de cursos e actividades de balde para iniciar á veciñanza nas novas tecnoloxías e ir reducindo de forma paulatina a fenda dixital. O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, destaca a importancia desta iniciativa “para axudar a desenvolvera capacitación da nosa veciñanza e fomentar a inclusión dixital.

A tecnoloxía é cada vez máis importante na nosa sociedade e é fundamental que todas e todos os ponteareáns teñan acceso a ela e saiban como empregala”.

As persoas interesadas en achegarse ao eido da informática poderán asistir ao curso que se impartirá martes e xoves dende o 2 ata o 25 de maio de 16.00 a 19.00 horas. Eses mesmos días tamén se impartirán clases para aprender a manexar o correo electrónico, unha ferramenta de comunicación laboral pero tamén persoal. O horario será de 19.00 a 21.00 horas.

Outra das propostas para este maio será un curso para manexar con soltura os teléfonos móbiles que se impartirá luns e mércores dende o día 3 ao 31 de 16.00 a 18.00 horas. Luns e mércores serán tamén os días nos que se leve a cabo o curso de procesador de textos, unha excelente oportunidade para adquirir as habilidades necesarias para crear e editar documentos, a aplicación de formatos ou o uso de imaxes, entre outros aspectos. As clases serán do 8 ao 24 de maio de 18.00 a 21.00 horas.

Ademais destas oportunidades de mergullarse nas novas tecnoloxías, a aula CeMIT terá a disposición dos e das usuarias titorizacións TICs, un servizo de apoio, reforzo e asesoramento ás actividades realizadas na aula, axudando a resolver dúbidas e orientando sobre o emprego das ferramentas dixitais. Será o luns 29 de maio de 18.00 a 21.00 horas e o martes 30 de 16.00 a 21.00 horas.

A oferta completarase coa realización de exames presenciais para as persoas que remataron os cursos de teleformación na plataforma EMA os días 3 e 31 de maio de 19.00 a 21.00 horas.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres de maio de 16.00 a 21.00 horas.