Debate Electoral Ponteareas 2023

Organizado por Novas do Eixo Atlántico e Radionove coas candidaturas do BNG, PSdeG-PSOE, PPdeG, ACiP e Ponteareas en Común

Ponteareas | O Centro Artístico Sportivo na céntrica rúa de Vidales Tomé foi o escenario este 26 de abril do Debate Eleccións Municipais Ponteareas 2023, organizado por Editorial Novas do Eixo Atlántico, S.A e Radionove.

Moderado por Guillermo Rodríguez Fernández, director de Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico e ante unha nutrida presenza de veciños no debate participaron o/as principais candidato/as á alcaldía ponteareán sendo estes a actual alcaldesa Cristina Fernández Davila (BNG); Nava Castro (PPdeG); Juan Carlos Carrera González (Alternativa Cidadá de Pontereas, ACiP); Delfin Domínguez (PSdeG-PSOE) e Manoel Ucha (Ponteareas en común, PeC). Declinou a súa participación Domingos Freitas (Independentes por Ponteareas)

O debate, de máis de dúas horas de duración, estivo dividido en dúas partes. Na primeira, o/as candidato/as presentaron os seus respectivos programas electorais e as súas prioridades en caso de gobernar. Tras un breve descanso, a segunda parte deu paso ao debate electoral determinado por 4 eixes principais: 1. Privatización dos servizos; 2. Políticas de vivenda; 3. Débeda do Concello; e 4. Arborización municipal.

Prioridades e propostas
Tralo sorteo inicial realizado coa finalidade de definir a orde de palabra comezou presentando as súas propostas o abandeirado de ACiP, Juan Carlos Carrera González, quen defendeu a “necesidade dun cambio de rumbo” na Corporación Municipal cun goberno “aberto á cidadanía” e que “defenda a política local ante as diferentes administracións” sen depender de cores políticas.

Tocoulle a quenda a Manoel Ucha (PeC) cualificando como “fundamental para a democracia” a realización deste debate. Informou dunha enquisa realizada pola súa coalición a 140 persoas de idades comprendidas entre 18 e 35 anos notando unha “dramática” conclusión: a maioría dos enquisados “non se imaxinaban seguir vivindo en Ponteareas” polo “encarecemento da vivenda e a falta de emprego”.

Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Fernández Davila (BNG) explicou asumir o reto “cun futuro prometedor e ilusionante” para Ponteareas, lembrando o legado do falecido ex alcalde Xosé Represas, con quen “chegou o cambio a Ponteareas” en 2015. Defendeu o saneamento da xestión económica, o impulso de obras e infraestruturas grazas á aprobación do Plan Xeral de Obras Municipais (PXOM) e as prioridades que terán a ampliación da Depuradora de Moscadeira e do Polígono de A Lomba.

O candidato socialista Delfín Domínguez prometeu unha “política local para os veciños” coa xeración de emprego e riqueza vía ampliación do chan industrial (Polígono A Lomba), a valorización do patrimonio, iniciativas “verdes” (ecoocio, ecoturismo) para converter a Ponteareas nunha “referencia ambiental e cultural” en Galicia e a “necesidade de mellorar as conexións de Ponteareas con Pontevedra” así como a seguridade viaria na N-120.

Para finalizar esta primeira parte, a ex alcaldesa Nava Castro (PPdeG) reivindicou a toponimia ponteareán que “leva o nome do río Tea” como fío condutor para trazar políticas públicas orientadas a facilitar o acceso das parroquias ao centro urbano e impulsar iniciativas de emprego vía turismo e servizos “accesibles e sostibles”. Castro deu a coñecer tres eixes clave de goberno: “Traballo, Xestión e Planificación” enfatizando na rigurosidade e eficacia da xestión económica municipal.

Un debate intenso
A segunda parte, a do debate electoral propiamente dito, entrou nunha fase de maior controversia e incluso tensión en determinados momentos. Comezando co primeiro punto, o da privatización dos servizos, Ucha defendeu a ultranza a súa “municipalización” criticando “as políticas neoliberais” implantadas polo PPdeG desde a Xunta.

Toda vez o socialista Domínguez uniuse a esta crítica avogando pola “eficiencia na xestión” e na contratación de persoal público, Nava Castro respondeu a ámbolos dous candidatos defendendo que a Xunta xestiona servizos públicos así como outros privatizados.

Pola súa banda, ACiP denunciou “a case total privatización dos servizos” e a deficiencia na supervision dos mesmos por parte do goberno municipal BNG-PSdeG-PSOE. Carrera González denunciou tamén a “falta de transparencia” e a “censura nas redes sociais” por parte do servizo de comunicación do Concello e o custe de 20.000€ que supuxo a contratación vía “servizo xurídico externalizado” dunha empresa con sede en Santiago de Compostela, unha denuncia que foi negada rotundamente pola alcaldesa Cristina Fernández e o seu socio de goberno socialista.

Nava Castro avogou pola “planificación e racionalización” no custe que implica para o Concello a contratación de persoal propio. Criticou tamén que o Servizo de Atención ao Fogar (SAF) en Ponteareas “é o peor en Galicia” pola escasa atención do goberno municipal. A alcaldesa respondeu defendendo a xestión municipal do seu goberno porque “estamos atendendo e afrontando eses servizos”, destacando o “saneamento e abastecemento do servizo da auga”.

O segundo punto foi para as políticas de vivenda. Fernández Davila considerou que a aprobación do PXOM “marca un antes e despois” ante a “parálise urbanística” de gobernos anteriores. Ucha criticou os “8 anos sen investimentos” en vivendas públicas, reiterando as críticas ao PPdeG pola “especulación neoliberal”. PeC defendeu un Plan Integral de Vivenda para a mocidade non sen antes salientar que en Ponteareas “existen unhas 1.600 vivendas baleiras”.

ACiP fixo migas con PeC cualificando de “caótica” a política habitacional do goberno municipal e propoñendo unha Bolsa Vivenda e unha “nova regulamentación”. Criticou que o PXOM “non é viable” porque no mesmo “retirouse un 30% de edificabilidade” e “arruinou ás parroquias”. Delfín Domínguez instou á cobertura ás persoas maiores e á mocidade “tomando en conta a dinámica de mobilidade da sociedade actual”.

Finalmente Nava Castro explicou que a Xunta impulsa vivendas públicas e axudas para aluguer non sen antes preguntar cantas vivendas creou o PXOM durante este ano e medio da súa aprobación. Puxo igualmente no tapete a posibilidade de crear vivendas en Ponteareas para atraer “a 500 familias” de empresas “que están na PLISAN” e que contribuirían a revitalizar o tecido comercial e social do municipio.

O terceiro punto, a débeda do Concello, provocou os enfrontamentos máis agudos do debate. Nava Castro criticou que o goberno municipal “gasta máis dos 18 millóns€ que recada” e que “debe recoñecer a débeda acumulada nestes oitos anos”.

Domínguez e Fernández Davila defenderon a xestión municipal conxunta vixente desde 2015 considerando que, cando chegaron ao goberno, “había facturación sen contabilizar” de gobernos anteriores. O debate provocou fortes enfrontamentos entre Castro, Domínguez, Ucha e Fernández Davila sobre a xestión económica e a débeda municipal adquirida nos últimos 20 anos en Ponteareas. Por outra banda, ACiP asegurou que os “informes da interventora do Concello” calculan a débeda municipal actual en “6 millóns de euros”.

Con menos tempo para o debate, o cuarto punto, o do arborado urbano, amosou maior consenso entre as candidaturas á hora de acadar un compromiso ecolóxico e contra o cambio climático. O debate finalizou cas mensaxes de cada candidatura de cara á Ponteareas que queren despois do 28M.

Pódese acceder ao debate completo a través do seguinte enlace de radionove.gal.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.