Podemos Ourense considera “conduta perigosa e irresponsable” a do presidente da Deputación

“Baltar ten que asumir responsabilidades, posto que ningún cidadán está por riba da lei”

Ourense | Os círculos de Podemos en Ourense veñen de pronunciarse sobre a nova na que se informa de que o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, circulaba a 215 kilómetros por hora na A-52, polo que se enfronta a un delito contra a seguridade viaria. A formación considera que son precisas responsabilidades polo que consideran unha conduta perigosa e irresponsable.

“Baltar ten que dar explicacións, posto que ningún cidadán está por riba da lei”, afirman as e os membros de Podemos e candidatos ás Alcaldías de Lobios, Carlos Garrido; Carballiño, Manuel Nogueira; Parada de Sil, Avelino Carballo; A Teixeira, Mercedes Martínez e Ourense, Toño Naval. A formación a nivel provincial considera que José Manuel Baltar tivo, segundo o que publican as novas, “unha conduta perigosa e irresponsable que non está á altura do cargo que ocupa”.

Podemos considera que “se esta situación se producira por parte dun membro da nosa organización que ocupara un cargo de semellante relevancia, Rueda sería o primeiro en pedir esas responsabilidades”, polo que esixen ao presidente da Xunta que “actúe con coherencia” e repróchalle que se ampare “na lei do silencio” ao non querer valorar “actuacións fora da legalidade por parte de cargos do seu partido”.

Notificación
Pola súa banda, o gabinete de prensa da Deputación de Ourense manifesta nun comunicado que “Na mañá do 26 abril de 2023, axentes do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT) comunicaron en Leiro ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a apertura de dilixencias policiais de investigación”. “O día dos feitos, domingo 23 de abril, ao presidente da Deputación de Ourense foille notificada a incoación dunha sanción administrativa, que foi cumprida en razón das indicacións recibidas. O presidente, por recomendación expresa do seu avogado, non realizará declaracións sobre este asunto á espera de que conclúan as actuacións correspondentes. Manuel Baltar é o primeiro en lamentar tanto as consecuencias públicas que se poidan derivar destas comunicacións recibidas como a propia situación xerada”, remata o comunicado.