O documental “O Camiño esquecido” estrearase en Noia

Este 3 de maio sobre a historicidade e delimitación do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia

Noia | A Asociación Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia organiza a estrea oficial de “O Camiño esquecido”, un documental que recolle as evidencias documentais e patrimoniais sobre a historia e o trazado deste camiño de peregrinación a Santiago de Compostela. Unha iniciativa na que colaboran a Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22 e o Xeodestino Ría de Muros Noia.

O gran estreo de “O Camiño esquecido” terá lugar o vindeiro mércores 3 de maio, ás 20:00 horas, no Coliseo Noela (Noia). A asistencia será de balde, se ben o número de prazas é limitado e será imprescindible reservar un convite persoal a través do mail comunicacion@riademurosnoia.com ou chamando ao teléfono 664 408 290.

O documental, dirixido e editado por Rafael Luís Méndez Peña sobre un guión de Ana Ponte, recolle como se foi recompilando a diversa documentación necesaria para xustificar a historicidade e delimitación do trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Un traballo realizado polo arquitecto Marcial Rodríguez e os historiadores e arqueólogos Sofía Barqueiro e Mario César Vila, protagonistas da cinta e que estarán presentes no Coliseo Noela para contar en primeira persoa as súas impresións sobre este traballo.

Un labor que permitiu recompilar diversa documentación histórica: cartas fundacionais, diplomas, misivas, estudos previos, planos antigos… así como un conxunto de elementos que permitiron delimitar os camiños empregados polos peregrinos dende a ría de Muros Noia a Compostela ao longo da historia. Unha realidade que se contempla na arquitectura, nos topónimos e mesmo no propio urbanismo dos municipios que compoñen o Camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

Entre esta documentación recollida no documental figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinación a Compostela.

Tres séculos despois, nárrase a viaxe do comerciante veneciano Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros a través dunha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral.

Dende a Asociación Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia confirman que “O Camiño esquecido”, que porá de manifesto que toda a Ría de Muros Noia era un gran porto que ofrecía proximidade e seguridade ao peregrino na Idade Media, é tan só a primeira parte do proxecto. Nun futuro haberá unha segunda parte que incluirá os novos documentos que apareceron nos últimos tempos en diversas cidades europeas e que reforzan aínda máis a importancia desta ruta xacobea.

Unha realidade que xa anunciara Marcial Rodríguez cando se presentou o libro “Historicidade e delimitación do trazado: o camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros Noia” ao asegurar que “hai que seguir investigando porque continúan aparecendo datos e estamos convencidos de que aparecerá moita máis documentación”.