O maxistrado Daniel García Ramos.

A incorporción do idioma galego nos usos xurídicos ten na súa historiografía nomes propios de persoas da maxistratura, fiscalía e profesionais do Dereito que tiveron unha participación decisiva na apertura dun proceso despois de cinco séculos de marxinación.

Téñome referido a esa ampla nómina de xuristas en moitas ocasións. Un dos sobranceiros foi Daniel García Ramos, exmaxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, falecido en 1998. Nado no Concello de A Baña hai 95 anos; terras aquelas coas que sempre se sentíu fondamente identificado, ata o punto de coñecer a súa xeografía con todo luxo de detalles. Recoñecía cada anaco de terra polo seu topónimo, da mesma maneira que o curso do “seu” río Albariña de saudosas lembranzas. A súa capacidade descriptiva quedou expresada no documental “Daniel García Ramos. A forza da palabra”, realizado polo colectivo GaleguizarGalicia.

Daniel García Ramos forxou a súa formación xurídica, primeiro, na empresa privada moi brevemente. Despois de preparar unhas oposicións a xudicaturas, o seu primeiro destino foi nun xulgado de Bande e a seguir no d´A Estrada. Anos despois estivo destinado na Audiencia Provincial de Ourense.

“Daniel García Ramos (…) foi un dos iniciadores da asociación profesional antifranquista Xuíces para a Democracia (…) militante da causa galeguizadora como activo directivo da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística”

Foi un dos iniciadores da asociación profesional antifranquista Xuíces para a Democracia. Eu mesmo fun un protexido do seu recto proceder cando en 1975 fun detido e torturado pola Brigada Político-Social; grazas ao xuíz Moreiras pertencente a esa asociación, que rexeitou o trato que me deran na Comisaría de Policía – ben distinto do despótico Julián Sansegundo, actuando sempre en connivencia cos represores-, instoume a fuxir do xulgado coa axuda do meu avogado Nemesio Barxa. Moreiras para cubrirse en saúde ditou unha orde de busca e captura “porque el detenido mientras prestaba declaración escapó del despacho judicial”.

Sendo García Ramos presidente da Sección do Penal e do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, presidíu o 18 de setembro de 1989 un célebre xuízo a un vicepresidente da Xunta de Galicia, que durou varias semanas. A ocasión aproveitámola para prepararmos a escenificación do primeiro xuízo celebrado enteiramente en lingua galega. Abríu a sesión da vista oral advertíndolles a todas as persoas encausadas naquel proceso que el expresaríase en galego, facendo uso do dereito que lle outorgaban as leis, valéndose dos servizos dun tradutor que evitaría a indefensión xurídica por razón da lingua empregada. A decisión foi tan acertada que o penalista Andrés de la Oliva, avogado do acusado, que non era galego parabenizouno;mesmo pedíulle desculpas por non podelo falar, pero que non tiña dificultades para entendelo. Daniel ditou a sentenza en lingua galega. Dado o interese mediático que o xuízo espertara alén das nosas fronteiras, e o feito de que non houbese ningunha crítica por mor do uso da lingua galega desde entón o galego principiou a normalizarse na xudicatura.

Daniel García Ramos foi militante da causa galeguizadora como activo directivo da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística á que sempre se sentíu vencellado, impartindo conferencias, escribindo colaboracións en publicacións especializadas e participando en foros xurídicos para defender o uso do noso idioma nos procedementos procesuais.

A lectura dun texto que escribira para o libro colectivo “Contos da Xustiza” contando a historia dun preiteante compulsivo que quedou inexplicablemente desgustado por ter gañado un litixio, afeito como estaba a facer apelacións, revela o coñecemento que tiña dos idiosincráticos preiteantes. Un amigo del ao velo cariacontecido lendo a sentenza que lle daba a razón díxolle: “Como podes dicir que te foderon se che dan a razón?. “Mesmo por iso, carallo; agora como apelo!”, retrucoulle Manuel de Vilouta. que así chamou García Ramos ao personaxe do seu relato literario.

Os seus amigos e amigas lembramos o entusiasmo que lle puxo á tarefa galeguizadora, porque segundo el dicía déralle un sentido especial ao seu labor xurisdicional. Por iso consideramos a Daniel o precursor da Irmandade Xurídica Galega que tanto leva feito pola galeguización no eido xudicial.

O próximo día 16 de abril, ás 12:30 horas, celebraremos un acto de homenaxe na Casa da Cultura do Concello d´A Baña a quen contribuíu coa súa intelixencia e esforzo abrirllelas portas da xustiza á lingua galega.

Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.