Allariz celebrará a 40º edición da Festa do Boi no mes de xuño

O cartaz recolle debuxos de Vicente Risco representando gando vacún

Allariz | A celebración da Festa do Boi 2023 será do 3 ao 11 de xuño. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid, presentaron a imaxe e programación desta nova edición. No acto de presentación celebrado na Fundación Vicente Risco tan estivo presente Antonio Blanco representante da Fundación.

Juan Antonio Seara, representante de Xan de Arzúa, sinalou que a imaxe desta nova edición foi froito dunha colaboración coa Fundación Vicente Risco. Con motivo do 60 aniversario do falecemento de don Vicente Martínez Risco y Agüero, a Fundación cedeu uns debuxos de Risco nos que aparecen representados gando vacún, feiras ou escenas do rural. Ademais utilizáronse tamén para o pano, as camisetas e para a programación.

Neste ano tamén se cumpren os corenta anos da recuperación da festa. Corría o ano 1983, cando un grupo de mozos alaricanos decidiron recuperar que un boi percorrera as rúas de Allariz, e grazas a elo festexarán nesta edición o corenta aniversario.

Así mesmo Antonio Blanco, membro da Fundación Vicente Risco, explicou que no proceso de catalogación de material gráfico que a Fundación está a realizar nos fondos, apareceron varios debuxos de gando, que Vicente Risco utilizaba para ilustrar os estudos que estaba a realizar.

Cristina Cid resaltou “a importancia de saber de onde xurde a festa, de cara onde se quere ir para que actividades coma esta se consoliden no paso do tempo”. Así mesmo agradeceu aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na festa. “É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz” explicou a alcaldesa. Ademáis lembrou a importancia desta actividade para o pobo de Allariz, “que consegue que tanto persoas que naceron aquí como as que decidiron asentarse no Concello, participen tanto na organización con durante a celebración”.

Máis de 50 actividades para todos os públicos
Durante nove días desenvolveranse máis de 50 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo espíritu cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi. Os nenos e nenas terán o seu espazo como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil e a actuación do mércores a tarde.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros. A Festa do Boi conta cun orzamento de arredor de 82.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras.