“DepoTermal” ofrece 3.500 prazas

Este 10 de abril ábrese o prazo de inscrición deste programa da Deputación de Pontevedra

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra abre o vindeiro luns 10 de abril o prazo para solicitar praza para o programa de termalismo “Depotermal”. O programa, que conta cun orzamento próximo aos 185.000 euros, oferta este ano 3.500 prazas para que a veciñanza da provincia poida acceder a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros (balnearios, talasos ou spas). As solicitudes poderán presentarse de maneira presencial ou a través de Sede electrónica da Deputación ata o vindeiro 8 de maio.

O programa está destinado a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1973, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou persoas que teñan acreditado un respiro familiar. As e os solicitantes tamén deben cumprir con outros requisitos, como estar empadroadas na provincia de Pontevedra ou non padecer enfermidades ou patoloxías incompatibles coa actividade a realizar, entre outras.

Do total das 3.500  prazas, 1.000 son para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas (delas 122 serán prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social). As restantes 2.500 prazas serán con pernoita e pensión completa de domingo a venres, das que 122 serán tamén reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social.

Na modalidade de asistencia diúrna o programa inclúe ao Balneario de Mondariz, Termas de Cuntis, Hotel Bienestar Moaña, Hotel Spa Galatea e Hotel Exe Vía Argentum. En todos eles as persoas beneficiarias poderán gozar de dous tratamentos complementarios, diferentes en cada establecemento, ao longo da duración do programa e que abranguen dende tratamentos dixestivos ata sauna, baño de hidromasaxe, piscina terapéutica e termolúdica, chorro a presión ou flotarium.

Pola súa banda, no caso da modalidade de pernoita en réxime de pensión completa, os establecementos ofertados son o Gran Talaso Hotel de Sanxenxo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Spa Norat Torre do Deza,  Hotel Spa Galatea e o Hotel Novo Astur & Spa.

En todos eles e durante a estadía as persoas beneficiarias poderán gozar de ata tres tratamentos complementarios, diferentes en cada un dos establecementos, e que abranguen dende chorros a presión, ata jacuzzi privados, saunas, barros quentes, sesións de activación muscular, ducha circular, aplicación de parafangos, masaxes, presoterapia e programas especiais de saúde e beleza.