Deputación achega 416.000€ para senda peonil entre Arbo, Cabeiras e Barcela

Os investimentos da entidade provincial superan nese municipio o millón de euros

Arbo | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Arbo, Horacio Gil, investimentos por preto dun millón de euros neste concello por parte do goberno provincial ao abeiro de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou convenios de colaboración.

Nunha reunión de traballo mantida nesta mañá de mércores entre ambos os dirixentes no despacho presidencial do Pazo provincial, López e Fernández repasaron os proxectos nos que participa a Deputación, abordaron temas de interese mutuo para as dúas administracións e estudaron posibles vías de colaboración para atender as necesidades da veciñanza.

Neste sentido, o presidente avanzou ao rexedor deste concello do Baixo Miño que a Xunta de Goberno aprobará este venres o convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións a través do cal o goberno provincial achega 416.000 euros para a execución da primeira fase do proxecto de mellora da mobilidade peonil no treito antigo da EP 5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, na contorna da Igrexa de San Sebastián de Cabeiras. Unha obra que será financiada na súa totalidade polo organismo provincial, que achega o 80 % do orzamento, mentres que o 20 % que debería aportar o Concello será cuberto cunha subvención de 83.200 euros ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Programa + Provincia.

Do mesmo xeito, López trasladoulle o rexedor de Arbo que xa están aprobadas outras subvencións correspondentes ao +Provincia, como o ensanche e pavimentación no lugar de Casanova – Mourentán, cifrada en 83.200 euros ou a achega de 98.000 euros para a contratación de trece persoas ao abeiro da Liña 3 de Fomento de Emprego do +Provincia.

Tamén están solicitados por parte do Concello, ao abeiro da liña de investimentos, actuacións para a subministración de equipamento de salón e cociña para o centro social por 53.000 euros, a reposición do viario e execución dun muro no Lugar de Vilar por 51.600 euros, o subministro de varandas no Camiño Fonte da Igrexa e peche do parque de San Antonio por 18.000 euros e a reparación da rede de pluviais danado por un incendio no parque empresarial de Arbo por 28.000 euros, unha actuación que conta cunha subvención nominativa adicional doutros 28.000 euros para financiar a totalidade da obra.

Ademais destes investimentos, a Deputación pon a disposición de Arbo un total de 12.800 euros para a redacción de proxectos transformadores, cos que propoñen deseñar o proxecto de humanización da rúa Vázquez Estévez; e 42.400 euros para o apoio ao gasto corrente, que piden destinar a afrontar os pagos a Sogama pola xestión dos residuos.

Con respecto ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación aprobou unha axuda de 33.200 euros para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol municipal. Así mesmo, Deputación de Pontevedra e Concello de Arbo teñen vixente un acordo de colaboración valorado en 405.500 euros para a mellora da mobilidade peonil na contorna da Capela de San Xoán de Barcela, dos que a Deputación financia o 90 %, uns 370.000 euros ao abeiro do plan PON2030. O 10 % restante, uns 30.000 euros, achegaraos tamén o ente provincial a través dunha subvención con cargo ao +Provincia.

Este encontro institucional entre o alcalde Horacio Gil e o presidente provincial, Luis López, transcorreu nun clima de cordialidade no que o presidente reafirmou o compromiso da Deputación co municipalismo, co apoio aos concellos e coa escoita aos alcaldes, que son os que coñecen de primeira man as necesidades da veciñanza.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.