A Deputación de Pontevedra presenta o novo Plan Director de Sobroso

Contará con 1,5 millóns de € para valorar o Castelo e a súa contorna

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao novo Plan Director de Sobroso, un documento que marca a folla de ruta para investir 1,5 millóns de euros nos próximos tres anos co obxectivo de enriquecer a experiencia dos visitantes, mellorar e ampliar os servizos e consolidar o castelo de Sobroso e a súa contorna natural como un dos grandes atractivos turísticos da provincia.

Como explicou o presidente da Deputación, Luis López, “trátase dun documento amplo que contempla melloras en todos os eidos”. Desta maneira, haberá unha intervención para renaturalizar e reordenar a contorna natural do castelo con especies autóctonas deseñando zonas diferenciadas, accesibles, sinalizadas e cunha iluminación adaptada; destinadas a especies botánicas, a ocio familiar, a actividades e talleres e á fauna propia deste lugar.

Ademais, potenciaranse e deseñaranse catro novas rutas de sendeirismo encamiñadas a poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, inmaterial, cultural e histórico de Sobroso. Do mesmo xeito, porase en marcha unha aula de natureza para recibir excursións escolares e de turistas da man de educadores ambientais que divulgarán a riqueza natural deste enclave.

A redacción deste Plan Director é unha das actuacións enmarcadas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Condado-Paradanta “Unha terra entre ríos”, financiado con 1,5 millóns de euros a través dos fondos Next Generation, que ten como finalidade promover o crecemento equilibrado e impulsar a renovación do sector turístico da comarca e orientalo na dinámica do turismo sostible, mellorando tamén a calidade de vida na contorna.

A idea é situar ás persoas no centro da estratexia, potenciando a xeración de oportunidades e a participación cidadá e dos visitantes no desenvolvemento dun novo modelo turístico.

Club da Lamprea
Na Xunta de Goberno da Deputación desta semana tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta para poñer en marcha un Club da Lamprea, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Condado-Paradanta.

Cun orzamento máximo de 103.000 €, este club, tal e como explicou o presidente Luis López, permitirá revalorizar a lamprea, a súa cadea de valor e a súa condición como produto destacado nesta comarca pontevedresa.

O proxectos desenvolverase nos concellos da Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.