Colectivo Docentes con Palestina chama á mobilización contra o masacre

Este 12 de abril a partir das 12 pm nos centros educativos galegos

Santiago de Compostela | Mentres se desenvolve con normalidade a actividade nos centros educativos, a poboación palestina está a sufrir continuos e indiscriminados ataques por parte do Estado de Israel. Desde hai seis meses Palestina soporta un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel.

No mes de abril de 2024 superan amplamente as 32.000 persoas mortas, masacradas. Case 80.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas, hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada. Nestes seis meses de guerra morreron máis nenos e nenas que no conxunto de todas as guerras do mundo dos últimos catro anos.

A comunidade educativa nin pode, nin debe de ficar calada ante o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer nos territorios ocupados de Gaza. A lei que ordena o sistema educativo galego, a LOMLOE, obríganos a actuar. No seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios a “transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.

Docentes con Palestina chama a toda a comunidade educativa a concentrarse o venres 12 de abril ás 12 en solidariedade co pobo Palestino.

O colectivo propón a lectura dun manifesto e a concentración do profesorado e alumnado de forma simultánea nos centros educativos para denunciar o xenocidio que se está a cometer contra o pobo palestino. Así mesmo, esíxese o cese inmediato do fogo en Palestina e a apertura dos pasos fronteirizos para a libre circulación de axuda humanitaria.

Docentes con Palestina convida aos centros de ensino a facer visible o apoio ao pobo palestino colocando unha bandeira ou unha pancarta en solidariedade co territorio e as persoas de Palestina.

O masacre ao que estamos asistindo en vivo e en directo debe de ser denunciado. A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio.

Docentes con Palestina é un colectivo formado por profesionais do ensino de diferentes niveis educativos do sistema público galego.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.