A Comisión Executiva do PSdeG Ourense organiza un acto para conmemorar a República

A asociación “Amigos da República” fará ofrenda floral no cemiterio de San Francisco

Ourense | A Secretaría de Memoria Democrática da Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense organiza un acto para conmemorar o 14 de abril (data da proclamación en 1931 da II República española), este sábado, na sala Valente, ás 11.30.

O fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse, afirmou no Parlamento en xaneiro de 1912: “No somos monárquicos porque no podemos serlo; quien aspira a suprimir al rey del taller, no pode admitir otro rey”. E neste senso, as e os socialistas lembran que en maio de 1978 o Congreso debateu sobre a forma de goberno dentro da elaboración da Constitución Española. Por aquel entón, o deputado Luis Gómez Llorente (1939-2012), como portavoz do grupo, foi o encargado de defender a República.

Falar de cómo se organizou o PSOE ourensán coa chegada da República, desde as principais demandas do movemento obreiro (traballo, ferrocarril, agrarismo, choques co comunismo) ata a xestión nas institucións de executivo local e provincial, así como como se ve o futuro son cuestións das que falarán o historiador Javier Quintas e a edil e secretaria xeral das XX.SS., Alba Iglesias, na charla que terá lugar esta fin de semana.

Tomarán tamén parte no acto Natalia González, secretaria xeral da CEM e portavoz do PSdeG no Concello, e Xosé Lois Carrión, responsable da Secretaría de Memoria.

Ademais, a Comisión Executiva Municipal participará na ofrenda floral que o 14 de abril organiza, ás 12.00 horas, a asociación Amigos da República no monumento ás vítimas do Franquismo levantado no cemiterio de San Francisco.

Na foto, encontro gastronómico no Alpendre dos membros da asociación “Amigos da República” logo de finalizar os actos celebrados en abril de 2023.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.