O emprendemento feminino alcanza o 62% dos proxectos no Porriño

Segundo datos da Xunta de Galicia

O Porriño | O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no evento Xestión financeira para persoas emprendedoras organizado desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño. Alí, destacou que este centro inaugurado en novembro pasado leva asesorado uns 160 proxectos, dos que un 62% están impulsados por mulleres.

Entre eses proxectos, destacan os relacionados cos servizos, seguidos da hostalaría e das iniciativas que teñen que ver coa educación. Para o seu desenvolvemento, o persoal técnico do Polo realizou unhas 320 titorías, tanto de xeito presencial como de forma telemática.

A actividade celebrada no Porriño pon o foco na xestión financeira como fundamental para crear, coidar e facer medrar novos proxectos. Así, búscase fomentar a reflexión e o debate entre as persoas asistentes sobre as estratexias financeiras máis adecuadas para impulsar o crecemento das súas empresas, coñecendo prácticas innovadoras e efectivas.

O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural.

Entre as novas funcionalidades, a Rede está a dar apoio a través dun Plan de remuda xeracional para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo.

No conxunto da provincia de Pontevedra, téñense atendido arredor de 350 iniciativas nos Polos activos do Porriño e Silleda, á espera de que entre a funcionar un novo en Vilanova de Arousa.

O secretario xeral tamén se referiu na súa intervención ás axudas a disposición das persoas e entidades emprendedoras. Entre elas, a cota cero para novas altas de autónomos durante os primeiros 12 meses de actividade.

Ademais das específicas para darlle pulo ao emprendemento dirixidas a persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pemes e entidades de economía social, tamén hai achegas para autónomos concibidas para impulsar melloras nos seus establecementos, para que poidan volver emprender tras o cesamento de actividade, para que contraten persoas traballadoras indefinidas ou as pensadas para que os que teñan persoas ao seu cargo poidan contratar a alguén que os substitúa cando o necesiten.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.