Novas a ter en conta (II)

Nas miñas reflexións do pasado mes de marzo facía referencia a un par de cousas soamente porque o espazo da para o que da.

Nesta ocasión quero insistir na miña teima en animar a todos aqueles que se tomen a molestia de ler estas elucubracións miñas e tenten poñerse mais ao día. Pero cando digo poñerse ao día quero dicir informarse do que realmente pasa, non do que pretenden que creamos que está pasando.

Non é o mesmo saber que as cousas andan revoltas que averiguar quen as revolve para, desa maneira, ordenalas un chisco. Sabemos o que queren que saibamos; nin mais nin menos. Por esta razón temos a obriga de ir un punto máis aló e averiguar que hai detrás desa pantalla, desa folla de xornal ou dese libro. Cecais o que descubramos non resulte tan agradable como tiñamos pensado.

Sei que non é doado poñer enriba da mesa o que realmente ocorre para diseccionalo, examinalo, con detemento e comprobar se o que nos ofrecen como alimento informativo non está precociñado, preparado para que a nosa sede informativa sexa satisfeita e se conforme con iso que nos ofrecen; que non teña gañas, ilusión de coñecer mais, de ir máis aló, de ser críticos como son os nenos/as cando lles agasallamos con algo e pretenden coñecerlle as tripas desmontando calquera tipo de aparatos que chegan as súas mans. Eles/as están ávidos de saber que hai dentro dese coche, desa moneca, dese aparatexo que lle agasallamos. É a sua natural fame por coñecer, por saber.

Sen embargo nós cremos que non merece a pena entrar en detalles. Estamos tranquilos nos nosos sofás, cos noso aparatos electrónicos tan sofisticados que xa non nos atrevemos a desconfiar deles. Parécennos tan ben feitos, tan complicados que damos a batalla por perdida.

Ese é, precisamente, o noso fallo, o noso punto débil, o que esperan de nós.
Levo anos insistindo en que a información que nos chega está, en xeral, manipulada, teledirixida, contaminada. Afirmo con moita frecuencia que os medios de comunicación, en xeral, son tóxicos; están conformados de tal maneira que nós somos, sen darnos conta, aquilo que mentes poderosísimas queren que sexamos, que creamos. Somos coma monecos na corda. Lévannos por onde queren levarnos. O malo de todo isto é que nos resulta moi difícil saír deste círculo vicioso. Apenas nos deixan ocos polos que poder saír, escapar.

Por outra banda, nós tampouco facemos gran cousa por conseguilo. Estamos cómodos; pensamos que a información a que acedemos é a correcta e non queremos meternos en máis leas. Que o fagan os políticos, que o fagan os incorformistas, eses que non están de acordo con nada. Nós queremos vivir tranquilos, tomarnos unha caña mentres lemos as noticias e pouco mais. Logo, cando chegue ese momento de ter que elixir aos nosos gobernantes, xa virán a dicirnos que facer; xa nos mandarán folletos, nos ofrecerán os seus discursos e así decidimos que papeleta meter na urna convencidos en que o facemos libremente.

“Estamos cómodos; pensamos que a información a que acedemos é a correcta e non queremos meternos en máis leas”

Por outra banda tampouco temos a oportunidade de acceder a outras fontes que nos sexan as gratuítas, as que nos poñen diante nunha barra dun bar ou na sá de espera dunha clínica médica.

As redes sociais, con todo tipo de información, entraron nas nosas vidas e non sabemos  como desfacernos das súas influencias aínda que quixéramos facelo que, por outra banda, tampouco estamos moi preocupados.

Vivir sen un telefono móbil na man é síntoma de atraso social. Non saber manexar todas esas ferramentas que poñen ao noso dispor é confesar que somos uns anticuados, atrasados, que non estamos ao día.

Esa é a nai do año (la madre del cordero, que diría un castelán falante) As mentes lúcidas que dominan o mundo coñecen esas nosas debilidades. Cando poñen en marcha un novo invento para controlarnos e seguir dominando o mundo son coñecedores absolutos das nosas debilidades. Polo tanto non teñen mais que buscar a maneira atractiva de convencernos para que tomemos as pastillas que van preparando para nós, igual que o médico ou familiar fai coa persoa enferma que debe medicarse.

Pero, logo, non hai nada que facer? Temos que camiñar dereitiños ao matadeiro que alguén, non sabemos onde, ten proxectado para diseccionar o noso corpo mental e poñelo ao seu servizo? Bueno, non debemos ser catastrofistas pero sendo realistas debemos aceptar que nos deixan pouca marxe. Marxe a que soamentes pode agarrarse aquel/la que de verdade queira romper os cordas as que o teñen atado/a.

Hai saídas pero esixen un forte compromiso para non desfallecer. Esixen unha caída coma as de Saulo camiño dunha nova vida mental sá e non contaminada. Temos que ser conscientes da necesidade de saír desa zona de comodidade na que estamos instalados. Temos que saber a conciencia que o que vemos, escoitamos e lemos na maioría dos casos debemos poñelo en solfa, debemos desconfiar de entrada ata comprobar se as cousas son así realmente ou se alguén ten intereses espúreos para que nós traguemos esas pirulas que nos poñen nas mans con tanta facilidade. En definitiva, ser desconfiados, pero de todos; non só dos que entendemos poden ter interese en levarnmos ao seu rego, tamén dos que aparentemente serían “dos nosos”, como se di vulgarmente. Aí tamén debemos estar en guardia.

Que facer, logo? Pois moi sencillo. Estar dispostos a invertir recursos económicos na nosa saude mental; no noso mundo do coñecemento; en dotarnos de ferramentas mentais para poder elixir con total liberdade e total coñecemento o que realmente queremos, non o que outros queren que queiramos. Non resulta difícil. Sei que tampouco é moi doado pola falta de costume e porque somos educados para ser dóciles, para non molestar con preguntas inconvenientes. Pero se desexamos dispor de ferramentas fortes e axeitadas a nosa forma de vida temos que esforzarnos e facernos rebeldes, sublevarnos en todo o sentido do termo.

Logo non hai medios de comunicación fiables? Poucos, pero algúns si existen. O problema está en que quedan fora dese circuíto habitual e cómodo no que estamos acostumbrados a movernos. Son medios, na súa maioría, dixitais, que non dependen dunha empresa hidroeléctrica ou do mundo do cemento, ou de varios bancos. Porque os medios que teñen por donos o gran capital xa sabemos que pretenden, que buscan. Non é que sexan bos nin malos; son coherentes coa finalidade para a que foron postos nas nosas mans. Están ao servizo dos seus amos. Como dirían os latinos traballan “pro domo sua”. Os outros, os alternativos, son froito do esforzo individual de moitos miles de cidadáns que, coma no meu caso, están dispostos a dedicar parte dos seus ingresos en soster medios de comunicación non facilmente manipulables, nin polo Poder político nin polo Poder económico.

Logo este medios non se equivocan nunca? Si, poden equivocarse, pero non para servir ao seu señor senón porque teñan accedido a fontes pouco fiables que tentaron meterlle gato por lebre. Claro que esas cousas poden ocorrer no mundo da información pero non será froito dun plan preconcebido como ocorre nos medios do Gran Capital. O que non fan é ofrecernos unha información manipulada, dirixida para que beneficie aos que mandan, aos que pretenden seguir controlando o Poder político ou Económico.

“Se queren saber mais, só teñen que entrar en internet e preguntar, por exemplo: ‘quen son os propietarios da empresa que edita tal ou cual xornal, emisora de radio, canle de televisión”

Se queren saber mais, só teñen que entrar en internet e preguntar, por exempo: “quen son os propietarios da empresa que edita tal ou cual xornal, emisora de radio, canle de televisión” De onde proceden os medios económicos que sosteñen esas fontes informativas? Quen está detrás? Quen conforma a Xunta de Accionistas de tal ou cal medio? Cando accedan a esa información poderán comprobar, sen demasiado traballo, que o que realmente e diariamente nos ofrecen vai na mesma dirección: a defensa dos seus privilexios, do seu modo de vida que nada ten que ver co que nós, traballadores e funcionarios, pequenos empresarios, etc. podemos disfrutar. As informacións que diariamente nos ofrecen van todas na mesma dirección: manter ese control social que xa ven dos tempos de María Castaña.

Fágano así e poden estar seguros que, a partires dese momento, comenzarán a ser un chisco máis libres, menos manipulables, menos contaminados. Terán ferramentas mentais para defenderse e non deixarse enganar con tanta facilidade.

Sexan felices e sexan atrevidos.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.