O pedagogo Francesco Tonucci, inaugura a exposición Ponteareas, Hábitat Saudable.

Tonucci visitou distintos puntos do casco urbano de Ponteareas, acompañado polo alcalde Xosé Represas e membros do Grupo de Goberno e asinou no libro de honra do Concello.

habitat saudable

Ponteareas | O psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, autor de “A cidade dos Nenos”, visitou Ponteareas onde, acompañado polo alcalde, Xosé Represas, e os membros de Goberno Municipal, inauguro a exposición sobre a Estratexia de Desenvolvemento Urbano “Hábitat Saudable” pola que Ponteareas vai recibir 5 millóns de Euros dos Fondos Europeos para Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER) no periodo 2014-2020.

Acompañado polo Grupo de Goberno de Ponterareas, representantes da Deputación de Pontevedra e os redactores da Estratexia Urbana, percorreu algunhas das rúas e prazas do casco urbano para coñecer a morfoloxia da vila e suxerir algunhas actuacións de cara a futura transformación da vila onde a infancia vai ter un especial protagonismo.

A visita de Tonucci foi cualificada polo alcalde como “de extraordinaria importancia” xa que Ponteareas busca aplicar novos criterios en materia de sustentabilidade, habitabilidade e mobilidade, tomando como base moitas das ideas expresadas polo propio Tonucci.

O pedagogo italiano amosou especial interese por distintos aspectos da Praza Maior de Ponteareas, da que tomou varias fotografías, e da Praza da Igrexa, na que se detivo a analizar a situación actual do tráfico.

No edificio do Concello, Tonucci foi o encargado de inaugurar a exposición da EDUSI, Hábitat Saudable, un proxecto que, segundo o alcalde Xosé Represas, “permitirá realizar cambios para mellorar a habitabilidade e a calidade de vida en Ponteareas”.

A exposición, situada no salón de plenos do Concello ata o 20 de Maio, amosa, a través de paneis e elementos de xogo, como vaí afectar a aplicación da Estratexia DUSI, a unha familia imaxinaria de Ponteareas e os beneficios que para o seu desenvolvemento persoal e colectivo, terá a aplicación das diferentes liñas de actuacións contempladas no proxecto.

Francesco Tonucci, incidiu na necesidade de que as cidades teñen que ser, de entrada, accesibles para os nenos e nenas xa que, se son accesibles e seguras para eles, son accesibles para a totalidade da cidadanía. Expresou ‘Frato’ a importancia de adaptar as distintas actuacións as particularidades propias de cada municipio. Con ese fin, Ponteareas reservou na súa Estratexia Urbana un mínimo de 120.000 para operacións que conten coa implicación dos nenos e as nenas baixo a denominación “Ponteareas, cidade da infancia”.

A visita do pedagogo italiano, unha referencia mundial na planificación de cidades dende a mirada dos nenos e das nenas, deixou na vila do Tea algunha que outra idea na que traballar. Así, cando o alcalde Xosé Represas explicáballe os sinais de identidade de Ponteareas, nos que a nivel deportivo atópase o ciclismo, Tonucci amosaba o seu interese por este aspecto concreto e ‘deixaba caer’ a idea de que sería bo para eles contar con obradoiros escolares adicados a este deporte, de cara a fomentar a expansión da súa práctica, o que encaixa co fomento da actividade deportiva que se plantexa na Estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, ademáis de manter un dos elementos identificadores da vila do Tea.