Deputación e UVigo exploran vías de colaboración

Iniciativas conxuntas de formación e relación institucional

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este martes un encontro de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para analizar novas vías de cooperación entre ambos os organismos, avaliar os programas en marcha e estudar plans de futuro de interese mutuo.

No encontro participaron as vicerreitoras do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; e de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.

O mandatario provincial amosou a súa vontade para seguir cooperando coa Universidade en eidos como a igualdade, benestar social, fomento do emprego, normalización lingüística ou cultura, entre outros asuntos.

A cooperación leal e comunicación fluída seguirá a rexer a relación entre ambas as institucións, que seguirán mantendo contacto constante co obxectivo de ofertar titulacións e actividades de interese para mellorar a formación dos estudantes da provincia, ao mesmo tempo que fomentan a apertura da Universidade de Vigo cara a cidadanía.