20.000 escolmas rosalianas para festexar o Día de Rosalía

Evento organizado pola Casa de Rosalía en Padrón e a Fundación Xistral

Padrón | Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía, que este ano se amplían cunha campaña de promoción do libro galego que agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego. O obxectivo é triplo: Celebrarmos Rosalía, como di o propio título, promover o libro en galego e fidelizar lectores para mellorar a realidade do libro galego.

Está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, unha nova entidade que vén de nacer co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galegas e que, formada por actores importantes da cadea de valor do noso libro, inicia a súa actividade ‘festexando’ a autora máis relevante das nosas letras na compaña de quen protexe e difunde o seu legado.

Cada persoa que merque un libro en galego nas librarías galegas do 6 de febreiro ata o 3 de marzo levará como agasallo unha escolma de textos rosalianos titulada ‘Celebrarmos Rosalía’ realizada por Anxo Angueira e editada pola Casa de Rosalía e Xistral. Nesta actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, colaboran a Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.

O proxecto foi presentado esta mañá en rolda de prensa, canda toda a programación do Día de Rosalía. Nela participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o representante da Fundación Xistral, Carlos Blanco, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e os representantes da Asociación de Gaiteiros, Gustavo Couto e Olimpio Xiráldez.