Conecta + reunirá en Vigo o talento audiovisual ibérico

Este 20 de xaneiro coa participación de 20 creadores españois e portugueses

Vigo | Máis de 20 creadores daranse cita este sábado na Sede da Deputación en Vigo con produtoras audiovisuais do conxunto de España e do Norte de Portugal na xornada Conecta+.

Todos eles foron elixidos por unha comisión de selección integrada por profesionais das directivas de CREA e AGAG que se encargou de avaliar as máis de 80 propostas que se inscribiron ata o 5 de xaneiro para participar no encontro deste sábado.

A vicepresidenta primeira da institución provincial, Marta Fernández-Tapias, será a encargada de dar o tiro de saída a esta novena edición de Conecta +, ás 9:45 horas do sábado, xunto ao presidente de CREA, Fon Cortizo.

Os 22 creadores seleccionados que participarán no encontro son Samuel Lema, Jorge Navarro e Elena Martínez co proxecto “Viven al lado”; Sara Casasnovas con “Alevosía”; Pedro Díaz coa iniciativa “Serenade”; María Hervera con “Serviam”; André Guiomar coa produción “O que resta”; Helena Santín con “Vi la noche que nunca se acaba”; Alberto Díaz e Kyong Sik Suh Oh co audiovisual “Merlo Branco”; Sergio Daniel Alonso e Miguel Pertejo con “Aldeaseca”; Servando Vidal co proxecto “Llamadme Anthony Farrar”; Rebeca Novo con “A mis amigas”; Teresa Barberena coa iniciativa “Terrores cotidianos”; Ángela Andrada e Fernando Tato con “Resurrection”; Sara Hermo coa produción “Brétemas”; Pablo Fontenla, Ángel de la Cruz e José Antonio Pastor con “Ti, Jane”; Simón Casal con “A Contra armada”, Simone G. Saibene co audiovisual “Cine Paraíso, Leiro”; Álvaro Liste e Alejandra Aguirre con “Pausa na Presa”; Adrián Castiñeiras e Fernando Tato co proxecto “La ira”; Claudia Brenlla con “Illa, isla”; Gutier Rolán coa peza “El sótano del alcalde”; Héctor Carré con “A senda escura” e Antonio Nogueira co audiovisual “Crazy Diamonds”.

Entre as 10:00 e as 12:30 horas deste sábado todos eles terán a oportunidade de presentar as súas creacións a algunhas das produtoras máis activas do panorama español entre as que se atopan RTVE Cine, A Contracorriente, Sentido Films, Sétima, Frida Films, Ollo Vivo, Portocabo, La Región, Miramemira ou Gaita Films, das que recibirán orientacións para fortalecer os seus proxectos ou desenvolvelos así como asesoramento sobre a súa viabilidade económica.

Ademais, e por vez primeira na historia de Conecta+, as persoas seleccionadas para participar na xornada tamén poderán presentar as súas ideas a empresas do norte de Portugal como FilmesDaMente, Pixbee ou O Olhar de Ulisses.

Tralas reunións e encontros entre creadores e produtoras audiovisuais de España e Portugal, xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, terá lugar o coloquio “Desmontando o dossier de venta” co que se porá fin a esta novena edición de Conecta+.

Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, un programa impulsado pola Deputación de Pontevedra xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais, DAMA, para acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección. Conta con financiación da Unión Europea a través de NextGenerationEU, co patrocinio da Axencia Galega de Industrias Culturais, da SGAE e de AGAG.