O Porriño humanizará o antigo Campo da Feira

Para unificar a zona do parque cos barrios de San Sebastián e San Bieito

O Porriño | A humanización do antigo campo da feira do Porriño coñecido agora como Parque Infantil será en breve unha realidade logo de dúas recentes licitacións de obras que complementan a que xa está a piques de rematar e que supoñen, todas xuntas, unha inversión que supera o millón de euros.

O obxectivo é convertela nunha gran zona verde con arboredo, un espazo a modo de escenario e gradas e unha área de xogo infantil na que se inclúan chorros de auga, os primeiros no municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta tarde o lugar no que se están levando a cabo as obras. “Co paso dos anos este parque foi deteriorándose e perdeu o seu atractivo deixando de ser un lugar de paseo e desfrute para nenos e adultos, que é o que precisamente se persegue agora con este proxecto”, explica o alcalde.

O rexedor lembrou que se sitúa nunha das entradas ao casco urbano, “de aí que as obras de humanización comprendan tamén a mellora da contorna, a avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil, que o Concello acometerá co fin de unificar a zona do parque con San Sebastián e a zona peonil de San Bieito”.

Para a realización desta obra que actualmente está en execución o Concello de Porriño e a Axencia de Turismo de Galicia asinaran un convenio de colaboración cun orzamento de 498.213,12 euros. A esta cantidade hai que sumarlle agora dúas novas inversións. Supoñen unha inversión total de 1.153.056 euros.

Por unha banda, a Xunta de Galicia vén de sacar a licitación por 224.843,45 euros as obras de restauración do templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso a primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou ao Porriño no ano 1970.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica o inicio do proceso de contratación desta obra que contará cun prazo de execución de cinco meses para resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.

E, por outra parte, o Concello do Porriño sacaba a licitación, tamén nos últimos días, por 430.000 euros a obra de humanización da rúa Parque Infantil entre rúa Salgueiro e Avenida Domingo Bueno.